Unha vendedora da ONCE: «Estou ilusionada de ver aos clientes despois de tres meses na casa»

LUGO

Os traballadores da Once incorpóranse aos seus postos despois de tres meses de parón polo covid-19
Os traballadores da Once incorpóranse aos seus postos despois de tres meses de parón polo covid-19 OSCAR CELA

Na provincia de Lugo traballan 60 persoas, das que máis da metade atópanse na cidade

16 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Aquí hai cola sempre», di un compañeiro de Carmela Facorro, vendedora da ONCE na rúa Curros Enríquez. Ela apenas pode parar porque se lle acumulan os clientes. Fálalles polo nome e pregúntalles pola familia. A diferenza das administracións de lotería, que comezaron a súa actividade o 18 de maio, os vendedores como Carmela incorporáronse onte. Son 60 na provincia e máis da metade venden na cidade. «Estou ilusionada de ver aos clientes despois de tres meses na casa», aproveita para dicir Carmela nun momento de respiro.

En tres dos postos reactivados onte en Lugo, a mañá foi moi similar: moita xente e moita ilusión despois da incerteza durante moitos días. «Non sabía se a xente ía vir ou non, non sabía como ía reaccionar, pero foi abrir e estanse portando de película», explicaba Carmela Facorro.

— Mi marido me riñe si ve que tardo y sabe que estoy aquí.

— Ya lo sé, Milagros, ya lo sé.

Carmela sabe quen pode pararse un pouco máis a falar e quen non porque este verán cumprirá 13 anos neste mesmo posto de traballo. A maior parte da súa clientela non varía, é sempre a mesma e vense a diario.

A vendedora da ONCE, Carmela Facorro, no seu posto da rúa Curros Enríquez
A vendedora da ONCE, Carmela Facorro, no seu posto da rúa Curros Enríquez LUCIA R. PEÑA

Reiniciar as máquinas

Iso non quita que o día anterior se recoñecera nerviosa. A ONCE envioulles un protocolo para reiniciar as máquinas despois de tres meses paradas. «Sen problema», resume cun sorriso detrás da máscara mentres comproba se un dos papeis que lle dan ten premio.

«Viñeron case todos os clientes fixos e os que non, aínda poden vir á tarde», sinalaba onte Herminio Amador Losada no seu posto da rúa San Froilán. Leva 19 anos na ONCE, os dous últimos neste lugar, e tiña «ganas de volver».

O xestor comercial da axencia en Lugo, Ramón Portela, subliñou onte a importancia da volta ao traballo destes profesionais, na medida en que a súa labor contribúe a que eles e a veciñanza «recuperen a ilusión».

A vendedora da ONCE, Montserrat López, no seu posto na praza da Santo Domingo
A vendedora da ONCE, Montserrat López, no seu posto na praza da Santo Domingo OSCAR CELA

«Eu botábaos de menos eles a min tamén»

No seu primeiro día de traballo, Montserrat López recibiu no seu posto da praza de Santo Domingo a visita da alcaldesa, Lara Méndez. Estreara ese quiosco en febreiro, un mes antes de que se declarara o estado de alarma. «Somos como unha familia porque os clientes son xente coa que tes un contacto case diario. Creo que foi polas dúas partes: eu botábaos de menos a eles e eles a min tamén», sinala López, vinculada 22 anos á ONCE.