A Deputación de Lugo inicia a formación do plan «Prende! Bota raíces nos rural»

la voz LUGO

LUGO

Pilar García Porto y Pablo Rivera, diputados del gobierno de la Diputación
Pilar García Porto y Pablo Rivera, diputados del gobierno de la Diputación CEDIDA

Sacan a contratación os servizos de telefonía e Internet de toda a institución cun orzamento de 2,5 millóns de euros

12 jun 2020 . Actualizado a las 18:00 h.

A Deputación de Lugo inicia o proceso de formación do alumnado do plan provincial Prende! Bota raíces no rural, un programa que ten como obxectivo crear emprego xuvenil e fixar poboación nas zonas menos poboadas da provincia. Así o anunciaron este venres a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, na rolda de prensa na que deron conta dos asuntos acordados na Xunta de Goberno.

Un total de 50 alumnos comezarán este luns o período teórico nos catro cursos de formación especializados e, a principios de xullo, iniciarase un de autoemprego. Debido á situación derivada da Covid-19, as sesións terán unha modalidade mixta, cunha parte telemática e outra presencial. «Queremos que a xente nova se quede a traballar e a vivir no noso rural, e con este novo programa dámoslles ferramentas para conseguilo, axudándolles con formación e experiencia laboral a atopar un futuro nos seus concellos ou nas súas comarcas, ben sexa como emprendedores ou por conta allea», subliñou Rivera Capón.

As especialidades son: Hostalería e Turismo, no que participan 14 alumnos e que vai impartir a Asociación de Hostalería de Monforte de Lemos; Agricultura e Gandería, participan 8 alumnos, darao Unións Agrarias na Granxa Gayoso Castro; Medio Ambiente, a formación a 9 alumnos será en Pedrafita do Cebreiro a cargo da Asociación Sectorial Forestal Galega; Enerxía e Auga impartirase no Valadouro, participarán 13 alumnos e corre a cargo da Asociación Empresarial Eólica; e, por último o de Autoemprego, que realizará a formación a asociación de Xoves Empresarias e Empresarios da Provincia de Lugo.

Estas formacións teóricas rematarán o 13 de xullo e darán paso ao período práctico. Na segunda fase do programa, a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral.O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada.

Pola súa banda, os traballadores contratados percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. Este plan de emprego conta cun orzamento de 300.000€ achegados nun 92% polo Fondo Social Europeo.

Prórroga do servizo de mantemento de zonas verdes

Pola súa parte, a voceira provincial socialista explicou que a Xunta de Goberno aprobou ata final de ano o encargo á empresa pública Tragsa do servizo de mantemento de zonas verdes provinciais. O mes de decembro, a Deputación de Lugo mercou unha acción de Tragsa a través da cal esta empresa pasou a ser medio propio instrumental da entidade provincial. Nese mesmo mes, a institución aprobou tamén o encargo do mantemento das zonas verdes á empresa pública, o que permitiu a subrogación dos traballadores e traballadoras que pertencían a SUPLUSA, nas mesmas condicións laborais e salariais.

Ese encargo de 6 meses recollía a posibilidade de prórroga por outros 6 meses, que é o acordado hoxe, contando cos informes das áreas de Medio Ambiente, Intervención e Contratación. Esta prórroga durará entre o 1 de xullo ata o 31 de decembro, e o importe económico é de 413.000€.

Contrato de comunicacións

A Xunta de Goberno tamén aprobou sacar a contratación os servizos de comunicación da Deputación, isto é, a prestación do servizo de telefonía fixa, móbil, datos e acceso a internet para todas as dependencias da institución provincial.

Este contrato ten un orzamento base de licitación superior aos 2,5 millóns de euros para os catro anos de duración aos que como máximo pode chegar, dous iniciais, máis outros dous de prórroga.

O contrato ten tres bloques. En canto ao servizo de seguridade da rede, neste novo contrato refórzase a protección, entre outras medidas, cun servizo anti ataques para evitar que os equipos queden indispoñibles por saturación de peticións de ordenadores e máquinas ilexítimas, e despregando unha segunda barreira de cortafogos. Ademais, desenvolverase unha parte de formación en ciberseguridade para os empregados e empregadas do servizo de Novas Tecnoloxías co fin de dotar e reforzar os coñecementos e prácticas nun mundo en constante evolución.

En canto ao servizo de telefonía fixa, móbil e acceso a Internet, mantense a rede interadministrativa provincial, na que están, ademais do Pazo de San Marcos, 19 sedes externas e 49 concellos; e os centros remotos dependentes da Deputación, ademais de 335 números de teléfono públicos e 166 liñas móbiles. 

Polo que respecta ao bloque de mantemento de electrónica e equipamento de rede, renóvanse os mantementos e soportes de fabricante dos equipos e electrónica da rede da Deputación, entre os que se encontran 200 puntos de acceso wifi.