Nova edición do certame de investigación Condado de Pallares

la voz LUGO

LUGO

Presentación do certame no edificio da Xunta
Presentación do certame no edificio da Xunta

O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por parte da Xunta

04 jun 2020 . Actualizado a las 13:49 h.

A Xunta de Galicia renova un ano máis a súa colaboración co Certame de Investigación Condado de Pallares. A Delegación Territorial de Lugo acolleu hoxe xoves a presentación da XIV Edición do premio, que convoca a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, no que supuxo o primeiro acto presencial que se celebra nesta sede dende a declaración da crise sanitaria.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou a valiosa contribución do certame ao coñecemento deste territorio histórico, dado que fomenta a investigación en ámbitos como a lingüística, a historia, arte, arqueoloxía, antropoloxía, etnografía e folclore nesta zona que se estendía polos actuais concellos de Guntín,Portomar ín, Taboada, Chantada e Carballedo.

Na presentación, na que se observaron as medidas de seguridade prescritas pola pandemia da covid-19, participou o presidente da asociación organizadora, Carlos Vázquez, xunto  con representantes das entidades patrocinadoras. Así, por parte dos concellos asistiron os alcaldes de Chantada, Manuel Lorenzo, Guntín, María José Goméz, e Taboada, Ramiro Moure. Tamén participaron Manuel Varela López, presidente de Caixa Rural; Maite Ferreiro, en representación da Deputación Provincial, e os xerentes dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Lugo e Miño-Ulla, Paz Rodríguez e Javier Rodríguez respectivamente.

O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora, que corre a cargo da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta. Os traballos deben ser orixinais, estar escritos en lingua galega e cunha extensión mínima de 100 folios. O prazo rematará o 30 de setembro.