Nachok: «Non é preciso unha gran máquina para facer boas fotografías»

Félix Jorquera / L.L. LA VOZ / LUGO

LUGO

O artista imparte un obradoiro en liña sobre fotografía creativa, organizado pola Rede Museística Provincial

03 jun 2020 . Actualizado a las 15:58 h.

A Rede Museística Provincial de Lugo organiza un curso en liña de fotografía, que será impartido polo artista Ignacio Castro, máis coñecido como Nachok. O obradoiro abordará a fotografía como expresión creativa, afondando na execución e interpretación da imaxe, e tamén na composición da mesma e nas claves da linguaxe fotográfica, con apuntamentos sobre a regra dos terzos, os distintos tipos de encadre ou o movemento. O curso, titulado «Derivas», desenvolverase ao longo de oito sesións de 45 minutos, os mércores e os venres ás 19.30 horas. A inscrición pode facerse na web da Rede Museística Provincial, cun máximo de 15 participantes, e o obradoiro impartirase a través da plataforma Zoom.

-Por que se chama «Derivas» o obradoiro?

-«Derivas» é un nome que me pareceu moi suxerinte, porque en termos náuticos vén a ser o movemento que fai o mar, as correntes do mar, que nos desvían do noso rumbo se non o corriximos. E creo que pode entroncar moi ben cunha das ideas que imos desenvolver neste obradoiro.

-Desvirtúa a fotografía o feito de que fagamos tantas cada día?

-Paréceme unha reflexión moi importante. Por iso falo de que pode haber dous tipos de fotografía. Unha que se fai daquelas cousas que nos gustan, que nos parecen fermosas, que nos emocionan ou que nos inspiran. E despois outra máis meditada, máis reflexiva, cunha serie de ideas previas que poden ir encauzando a nosa intención cara a determinadas paisaxes ou obxectos da contorna que nos rodea.

-Explicaranse nocións básicas?

-Si, o obradoiro é aberto a persoas que non teñan coñecementos previos de fotografía. Imos falar de como manexar unha cámara e os seus parámetros máis básicos. Pero a cámara é unha ferramenta que nos vai permitir expresarnos. E ese vai ser o primeiro bloque do obradoiro. Primeiro imos ver cales son as ideas que nos habitan e que é o que queremos contar; a través de diversos exercicios e postas en común veremos cales son os nosos puntos de atención. Despois, no segundo bloque, unha vez que temos un pouco claro que nos interesa, que nos motiva, que nos emociona... buscaremos a forma de trasladalo ao mundo real da mellor maneira posible.

-Cal é a metodoloxía?

-Imos proxectar pequenos vídeos, é inevitable ver bastante fotografía, de diversos autores e de diversos estilos, imos facer pequenos exercicios... e utilizaremos incluso outras disciplinas artísticas para, polo menos de forma somera, enriquecer a mirada fotográfica.

-Estamos nun tempo no que o exceso de tecnoloxía pode derivar na falta de creatividade?

-Si, e é algo no que imos incidir moito. A cámara é moi importante, é o que vai traducir o que temos dentro e que se plasme no exterior, pero, como di o dito, «a pluma non fai poesía». O tema técnico está moi avanzado, pero non se necesita ningún desenvolvemento importante nin ningunha máquina especial para facer boas fotografías. De feito, as persoas que se inscriban neste curso, cun teléfono móbil que non sexa moi antigo, chégalles de sobra para as prácticas que imos propoñer.

-Aínda está aberta a inscrición?

-Si, e animaría a todo o mundo que acuda á paxina da Rede Museística para cubrir o formulario e envialo. Imos facer algo ameno, moi participativo e que vai ser moi enriquecedor para todos, sen ser algo unidireccional. Ao final, un obradoiro é unha posta en común, todos os que participan nel enriquécense moito porque son distintos puntos de vista que dalgunha forma lle van facer ter unha evolución propia partindo dun esquema básico que está máis ou menos establecido, é ir adaptando os contidos ás necesidades de cada un... E vaise organizar en sesións de 45 minutos.