Contra as aglomeracións, un San Froilán nos barrios

LUGO

Ambiente en la zona de atracciones en el San Froilán de 2017
Ambiente en la zona de atracciones en el San Froilán de 2017 ALBERTO LÓPEZ

O concello organiza o primeiro foro de ideas para conciliar as festas coas medidas de prevención contra o coronavirus

05 jun 2020 . Actualizado a las 11:08 h.

Na primeira toma de contacto cos axentes culturais que mellor coñecen as festas de San Froilán, o Concello atopouse con algunha certeza: a vontade de celebrar as festas, aínda que sexa dunha forma moi diferente a calquera edición anterior, e a necesidade de repartilas pola cidade para evitar aglomeracións, o que permitiría converter a pandemia nunha oportunidade inédita para achegar a celebración aos barrios.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, foi a encargada onte de moderar un encontro dixital en Facebook no que participarono gaiteiro, Bruno Villamor; a fundadora de Achádego Teatro, Tareixa Campo; o actor Alberte Cabarcos; o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL); o escritor e narrador oral Lois Pérez e Ángel Seijas, baixista do grupo Infrarroja.

Foro organizado pola concellería de Cultura sobre as festas de San Froilán
Foro organizado pola concellería de Cultura sobre as festas de San Froilán

Ferreiro subliñou que aínda é cedo para tomar decisións «porque de aquí a dous meses poden cambiar moitas cousas», engadiu. Á espera de que se vaian despexando incógnitas, apelou á necesidade de recoller ideas e propostas de cara a organización dunhas festas que xa todo o mundo asume que serán diferentes. O principal motivo desa diferenza ven marcado polas aglomeracións características da celebración «máis importante do outono galego», como a ela se referiu a concelleira.

Unha oportunidade

Conciliar esa afluencia multitudinaria coas medidas preventivas contra o coronavirus é o reto que Lois Pérez invitou a converter en «oportunidade». Recoñeceu o carácter «vivencial e multitudinario» da festa, pero advertiu de que é un momento único «para repensar os espazos da cidade». «A costa de perder algo de encanto, que sempre se asocia ao centro histórico, non sei como podemos explorar a posibilidade de levar a festa a outros lugares, diversificar os espazos para evitar as masificacións e resolver así a papeleta», sinalou o narrador.

«Animaríame a facer un perfil moi baixo, con artistas lugueses, conta contos, cousas que foran de moi pouco aforo»

Bruno Villamor, que leva meses vendo como se caen unha tras outra as actuacións que tiña programadas este verán, aportou a súa idea nesa mesma liña: «Animaríame a facer un perfil moi baixo, con artistas lugueses, conta contos, cousas que foran de moi pouco aforo».

Nese senso, Tareixa Campos pediu fuxir de macroconcertos e propuxo celebrar «actuacións nos dous templetes da música», axeitados por exemplo para representacións de teatro e música.

Audiovisual

Cabarcos e Ángel Seijas coincidiron en sinalar as facilidades que demostraron os formatos audiovisuais durante o confinamento para gozar da cultura. Seijas celebrou iniciativas como a que levará a música de artistas lucenses á Rolda da Muralla.

Real chamou a ter en conta a alarma sanitaria aínda presente e manifestou que lle custaría vivir un San Froilán sen a esencia de «feira antiga», onde «hai que rozarse, hai que cheirarse».

As decisións chegarán cando baixe o nivel de incerteza, segundo sinalou Maite Ferreiro, que sobre a posibilidade de contar este ano con barracas no recinto feiral dixo: «Temos pensado moito, pero decidido, nada».

As casetas do polbo, espalladas

Son as protagonistas dunha festa que xira en torno ao polbo e por iso, as casetas onde se degusta, situadas nas costas do Parque Rosalía, tamén foron onte obxecto de debate. Entre as opcións baralladas, houbo unha que propuxo levalas aos barrios e cada un contara con unha. Deste xeito, recuperarían a esencia tradicional, segundo defenderon.

O PP síntese excluído

O PP síntese excluído da organización das festas patronais, tal e como puxo onte de manifesto nun comunicado, no que recriminou á concelleira de Cultura, Maite Ferreiro que, a catro meses da celebración, non convocara aínda a comisión de festas onde están representados os grupos políticos da oposición.

«Apartarnos da organización desta celebración é unha falta de consideración xa que representamos a milleiros de lucenses», afirmou a edil popular Beatriz Vázquez, que se amosou «disposta a colaborar» xunto co seu grupo en todo o que estea nas súas mans.

Para Vázquez «dende que os nacionalistas tomaron as rendas das festas -do San Froilán- están intentando patrimonializar esta celebración». Esixiu nese senso que a xestión do Bloque Nacionalista «debería ser máis democrática que nunca e o máis transparente posible».

Sin o «selo» do BNG

Beatriz Vázquez recalcou que o seu grupo «non quere unhas festas «con selo do BNG», senón unhas celebracións «nas que estean representados todos os veciños e veciñas de Lugo».

Para a concelleira popular o máis desconcertante na xestión é «o manexo do dobre discurso dos nacionalistas», xa que, segundo pon de manifesto no comunicado emitido onte, durante a súa etapa na oposición no Concello reclamaban participación e agora que «pisan moqueta» parecen esquecer o significado destas palabras.