O espello da vergoña

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO

03 jun 2020 . Actualizado a las 09:01 h.

Todos puidemos asistir en directo á agonía de George Floyd. Todas fomos testemuñas da súa angustia e da súa asfixia, inmobilizado, no chan, nunha postura humillante e intentando advertir en van sobre as súas dificultades para respirar. Haberá quen diga que o feito de que George Floyd fose negro non tivo que ver coa súa morte. Haberá mesmo quen o pense. Mais estas voces que afirman que toda forma de violencia é igual e que negan os mecanismos ideolóxicos que rexen as desigualdades da nosa sociedade (o cal semella un aserto inocente e ben intencionado) son moito máis perigosas do que parecen a primeira vista. Porque sendo todas as agresións lamentables non é o mesmo morrer polo puro azar de cruzarse con alguén que ten un brote psicótico, como nos pode pasar a calquera de nós, que estar no punto de mira por ser negro, muller ou homosexual.

Quizais para o individuo a repercusión sexa a mesma, mais socialmente a cuestión é moito máis complexa. Porque hai vítimas, coma George Floyd, que obedecen a algo estrutural, que responden a un sistema de crenzas e discriminacións nas que, tristemente, en maior ou menor grao participamos todos. Por iso resultan sospeitosos aqueles que renegan do racismo, o machismo ou a homofobia e logo acaban delatándose con algún comentario condescendente que revela o profundo arraigamento dos seus prexuízos. Floyd deixa orfa unha nena de 6 anos que se chama Gianna. Debémoslle, cando menos, o recoñecemento de que a morte de seu pai non é unha casualidade e que nos proe.

Por Gianna: xa abonda.