A sanidade universal, o Lugo urbano e a mozzarella, 'made in' epidemias

LUGO

O profesor Baliñas nunha foto de arquivo de 2014 diante da Facultade de Humanidades de Lugo
O profesor Baliñas nunha foto de arquivo de 2014 diante da Facultade de Humanidades de Lugo ALBERTO LÓPEZ

Especializado en historia medieval, o profesor da USC, Carlos Baliñas cre que é cedo para vaticinar o impacto

01 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Haberá que agardar a que «baixe o po», reflexiona Carlos Baliñas, sometido tamén a unha saturación de información sobre o covid-19 e as súas consecuencias. O profesor titular de historia medieval na Universidade de Santiago, que exerce na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, síntese contemporáneo dunha crise cuxos efectos son aínda unha incógnita. Como cirurxián da historia, prevé unha conmoción, pero tamén consecuencias positivas como cando a gripe española sementou as bases da sanidade tal e como a coñecemos, ou as enfermidades modelaron as cidades e mesmo incorporaron ingredientes á pizza.

Este medievalista resolve cun «depende» a tarefa que se lle propón de cualificar o legado das grandes enfermidades sen máis posibilidade que identificalo como positivo ou negativo. «Depende de como queiramos abordalas e onde poñemos a vista», xustifica.

A peste negra

Para explicar esa ambigüidade recorda os séculos posteriores á peste negra: «Motivou unha crítica, unha reformulación da sociedade feudal, que levaría á súa evolución; levou tamén a un tipo de pensamento distinto, máis centrado no home, e impulsou o Renacemento».

Pero o profesor lembra como esa mesma enfermidade provocou tamén unha «tremenda intensificación da persecución ao disidente». O antisemitismo foi un exemplo dese efecto por riba de calquera outro.

Así que por unha banda destaca a capacidade das pandemias para xerar «cambio e evolución» e pola outra, advirte da súa influencia no curso da historia como un «motor de resistencia e involución».

A sanidade universal

A historia é xenerosa en fitos proveitosos para a humanidade xurdidos dunha epidemia, segundo apunta Baliñas. É o caso da gripe española do século XVIII e XIX. «O contaxio estendíase e non bastaba con que os señores dos pazos pensaran que era cousa da xente dos barrios porque a infección pasaba duns a outros e afectaba a todo o mundo. Iso motivou un empuxe moi grande para a implantación do sistema de sanidade universal», relata.

Tamén modelou o urbanismo de cidades galegas, peninsulares e europeas. No caso de Lugo, a diferente procedencia das enfermidades fixo que a urbe deixara ás súas costas o río e comezara a medrar en torno á capela de San Roque, entendida como buque de contención das doenzas que chegaban de Castela.

«San Lázaro xurde na Ponte Vella para controlar as epidemias medievais»

«O barrio de San Lázaro xurde nas inmediacións da Ponte Vella como un lugar de control dos movementos nos tempos das epidemias medievais, cando a peste negra entrara por mar desde A Coruña», sinala o profesor, que engade o acontecido despois, xa inmersos na época moderna: «Xurde unha nova urbanización arredor da capela de San Roque, peregrino, viaxeiro, personaxe real que seguramente padeceu unha enfermidade infecciosa e sobreviviu a ela e que substitúe a San Lázaro como patrón dos apestados».

Malaria

A pegada das enfermidades tamén quedou rexistrada nos hábitos máis convencionais, como o uso da mozzarella na pizza como consecuencia da malaria no entorno de Roma. «A xente morría, os papas non duraban nada... A alguén ocorréuselle importar búfalos do sudeste asiático para que fixeran a función das vacas europeas, que tamén morrían», recorda Baliñas.

A leite destes animais era demasiado graxa para beber, pero non tanto como para evitar que se incorporara como ingrediente ao prato estrela dos italianos fai máis dun século.

«Non é o momento para facer unha historia a parte, ten que baixar o po para interpretalo»

O paso do tempo será preciso para coñecer os xiros que imprime o covid-19 á evolución e comprobar se son positivos ou negativos: «Non é o momento aínda para facer unha historia a parte, necesitamos que baixe o po para poder interpretar os feitos».