Hai 45 anos, Lugo empregaba o galego nos actos da ofrenda do Antigo Reino

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

PEINÓ

O idioma de Galicia comezaba a introducirse nos programas oficiais de ensino

01 jun 2020 . Actualizado a las 20:17 h.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, dixo o ano pasado que a ofrenda do Antigo Reino de Galicia era un acontecento relixioso pero tamén cultural. Foi o encargado de presentala, e no seu discurso citou cuestións que se poden considerar de actualidade, coma a atención aos inmigrantes ou o coidado da natureza. Hai agora 45 anos, na ofrenda das capitais de provincia do Antigo Reino tamén estiveron presentes cuestións de actualidade cunha clara dimensión social.

O bìspo de Mondoñedo-Ferrol, Miguel Anxo Araúxo, empregou o galego nunha parte do seu discurso para comentar un asunto que facía parte da actualidade. O galego comezaba a ver aberta a porta para a súa entrada no ensino, e o bispo mindoniense amosou o seu agradecemento ao Goberno por ese recoñecemento, empregando, para xustificar a súa satisfacción, argumentos relixosos e culturais.

Por unha banda, lembrou unha encíclica publicada doce anos antes polo papa Xoán XXIII, «Pacem in terris», segundo a cal son de xustiza as medidas de coidado e de conservación da lingua e da cultura dun país. Por outra, salientou o traballo dos que tentaran para a lingua e a cultura galegas unhas mellores condicións: a eles, aos que chamou «devanceiros embandeirados deste esgrevio ideal», correspondeulles o labor de sementar o que daquela comezaba a recollerse.

A ledicia do bispo, amosada nun acto que tivo lugar o 1 de xuño de 1975, era consecuencia dun decreto aprobado unhas semanas antes, e fora recibido como unha medida necesaria: así opinaban, por exemplo, intelectuais coma Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carvalho Calero ou Sebastián Martínez-Risco, daquela presidente da Real Academia Galega.

Unha lei como orixe

A introdución do galego no ensino tiña a orixe na Lei Xeral de Educación, aprobada uns anos antes. Daquela, a mediados dos anos setenta, a sensibilidade cara ao resto de linguas faladas en España semellaba lonxe do monolitismo a prol do castelán: en abril de 1975, nunha conferencia de prensa celebrada durante unha visita a Ourense, o ministro de Educación, Cruz Martínez Esteruelas, afirmou que a variedade de linguas era unha riqueza para España, e anunciou que a introdución do galego no ensino, como cuestión recollida na Lei Xeral de Educación, se aplicaría aínda que requería tempo e coidado.

O uso en cerimonias coma a ofrenda anual ao Santísimo tardou anos en acadar protagonismo, pero foi tamén chegando. En 1979 empregouno o alcalde da Coruña, Domingos Merino (Unidade Galega), e en 1980., aínda que alternando co castelán, o de Santiago, José Antonio Souto Paz (UCD); tamén o arcebispo de Santiago, Ángel Suquía, o usou eses dous anos, ao responder en Lugo aos discursos.

En 1982, todo en galego

Esa mesma liña de emprego do galego continuou en 1981, ano en que a ofrenda foi presentada polo Concello de Ourense e con discurso de resposta do bispo desa diocese. Porén, o cambio máis potente deuse en 1982, posto que ese ano toda a cerimonia da ofrenda se desenvolveu en galego. Como ocorrera en 1975, foi o Concello de Mondoñedo o que a presentou: daquela era alcalde Ramón Fernández Gacio (UCD), mentres Miguel Anxo Araxúo continuaba dirixindo o bispado mindoniense.

Na presentación da ofrenda, que no 2019 cumpriu 350 anos, sucédense os concellos de Mondoñedo, Lugo, Ourense, Tui, Santiago, A Coruña e Betanzos. Volvendo a 1975, tamén daquela os asuntos de actualidade se reflectían claramente nos discursos dos alcaldes: o de Mondoñedo, Luis González-Redondo Maseda, solicitaba, nunha intervención en castelán, o desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia, e desexaba que o pobo español tivese serenidade nun momento crucial da súa historia. Cinco meses despois morría o xeneral Franco e o príncipe Xoán Carlos convertíase en rei de España.

CON TU SUSCRIPCIÓN PUEDES ACCEDER A TODAS LAS NOTICIAS PUBLICADAS EN LA VOZ DE GALICIA, DESDE 1882 HASTA HOY, BUSCANDO POR PALABRA CLAVE