A Deputación de Lugo na Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929

AURELIA BALSEIRO LUGO

LUGO

Imaxe da fachada da Deputación, incluída no documental «Unha viaxe por Galicia»
Imaxe da fachada da Deputación, incluída no documental «Unha viaxe por Galicia» LUIS R. ALONSO

A presenza galega supuxo a celebración de actos nos que se promocionou a cultura de xeito variado

25 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As consecuencias da covid-19 dan de cheo no sector cultural onde a crise tamén se ceba: museos, teatros, auditorios, casas de cultura, centros docentes e de investigación pechados, paralizaron a actividade pública e o traballo pendente ou xa realizado tamén se puxo en cuarentena.

Como tantos outros eventos similares, este mes de maio ía ter lugar o II Congreso Internacional sobre a Exposición Iberoamericana de 1929 en Sevilla, adiado ao igual que toda a programación presencial do Museo Provincial de Lugo.

No I CIEIA (2018) María Quiroga Figueroa e a que subscribe estas liñas participamos cun proxecto de investigación sobre o papel da Deputación Provincial de Lugo no pavillón de Galicia da devandita exposición internacional, colaborando con sendas comunicacións sobre o seu continente e contido: desde a construción do pavillón por parte do mesmo arquitecto que iniciou o proxecto de conversión do convento franciscano de Lugo a museo: Durán-Loriga, pasando pola revisión documental das xestións realizadas polas catro deputacións galegas neste evento, ata o legado artístico que creadores como Francisco Lloréns, coordinador da decoración e do discurso expositivo, deixaron en Lugo unha vez que rematou a EIA e se devolveron os bens mobles levados a Sevilla para a ocasión.

O fenómeno das Exposicións Universais ten o seu esplendor a partir da segunda metade do s. XIX (Londres 1851, Filadelfia 1876, Barcelona 1888) como escaparates de difusión cultural, económica e industrial, ás veces aproveitando efemérides históricas. A menor escala tiveron referentes rexionais como as galegas de 1858 e 1875 en Santiago de Compostela, A Coruña en 1878, Pontevedra en 1880, ou en Lugo a de 1877, promovida pola Deputación do 4 ao 14 de outubro, e a de 1896. Chegado o século XX, continúase esa mesma dinámica tanto a nivel nacional, por exemplo a Exposición Rexional Galega de 1909 en Santiago, como internacional: a propia EIA de Sevilla de 1929, que coincidiu coa de Barcelona.

A pesar do seu carácter efémero, supoñían un revulsivo para a cidade anfitrioa como escaparate dun evento ao que acudían moreas de xente, pero tamén polas inversións na mellora ou creación de infraestruturas de comunicación, exposición, acollida, etc., ademais da promoción e difusión sociocultural, política e económica.

Imaxe do claustro de San Francisco, no documental «Unha viaxe por Galicia»
Imaxe do claustro de San Francisco, no documental «Unha viaxe por Galicia» LUIS R. ALONSO

No que atinxe á EIA, os dous congresos científicos organizados en Sevilla teñen como finalidade a revisión historiográfica, a través da investigación das fontes orixinais ou primarias, desde unha perspectiva crítica para determinar tanto o contexto e as circunstancias históricas como as súas consecuencias a medio e longo prazo, o seu legado na transformación urbana da cidade, na produción artística do momento, a dotación de infraestruturas, museografías, implicacións socioeconómicas, políticas... pero tamén pretende visualizar a conservación actual do seu legado patrimonial, promover a transferencia de coñecementos e a súa posta en valor.

A participación de Galicia na EIA xa fora anunciada en 1927 pero ata xaneiro de 1928 non se solicitou ao Comité organizador os terreos para a construción do pavillón rexional (nunha parcela de 620 metros cadraados). Así, o 8 de febrero de 1928 tivo lugar en Lugo unha reunión entre os catro presidentes das respectivas deputacións xunto cos gobernadores civís de Lugo e Ourense para coordinar todas as xestións necesarias que suporían un gran esforzo económico e organizativo para as deputacións galegas sendo a coruñesa a máis activa.

Á Deputación de Lugo asignóuselle un orzamento inicial de 60.000 pesetas; non obstante, posteriormente sería incrementado. O traballo non ficou no propio escaparate expositivo senón que se organizou en maio de 1930 unha Semana de Galicia con actividades diversas que promocionaran a nosa terra, actuacións de música e baile tradicional e das cantantes de ascendencia galega Ofelia e Ángeles Nieto, a representación dunha ópera titulada O Mariscal con letras de Cabanillas e Vilar Ponte e música de Rodríguez Losada, entre outros actos.

Dentro destes eventos divulgativos dos que se vai cumprir o seu 90 aniversario, as deputacións tamén patrocinaron un documental titulado Unha viaxe por Galicia, realizado por Luis R. Alonso, que en 1991 foi restaurado polo CGAI en colaboración coa Filmoteca Española.

Esta excepcional película, que agora é un documento histórico de gran valor, está acompañada dun repertorio de música tradicional abraiante.

Cunha duración de case hora e media, aparecen na dúas primeiras partes imaxes da provincia de Lugo en 1929: O Cebreiro, As Nogais, Noceda, Doncos, Sarria, Samos, Monforte, Pantón, Chantada, Belesar, Palas de Rei, Vilalba, Mondoñedo, Lourenzá, Viveiro, Riobarba… Da capital lucense amósanse imaxes da muralla e as portas do Carme e a de Santiago, a praza do Campo, xardíns de San Roque, edificio do concello, catedral, praza de Santo Domingo, rúa Bispo Aguirre, claustro do convento de San Francisco (aínda non se creara o Museo Provincial de Lugo), praza de San Fernando, xardín Bispo Izquierdo, rúa da Raíña, Deputación, praza maior, parque, balneario, viaduto da Chanca, o río Miño e a ponte romana.

Son, ao fin e ao cabo, imaxes dun intre histórico desaparecido, onde se constata a evolución dunha paisaxe eminentemente rural, o 90% da poboación era campesiña. Esta Galicia rural do primeiro terzo do século XX tamén se observa nas espléndidas fotografías que Ruth Matilda Anderson realizou entre 1924 e 1926 pola nosa terra ou as de Walter Ebeling entre 1928 e 1933.

Porén, no caso da produción audiovisual realizada para a EIA e financiada polas catro deputacións, vese un obxectivo promocional de estampa máis bucólico folclórica, namentres que nas fotografías subxace un interese de reflectir unha realidade máis obxectiva, aínda que matizada por certo tipismo, onde os autores devanditos interésanse máis pola visión etnográfica que pola paisaxe.