Desleixo, a pandemia que sofren nos barrios as marquesiñas do bus

La Voz LUGO

LUGO

oscar cela

Sen limpeza, danadas e sen mantemento, a Federación de Asociacións de Veciños denuncia un estado «lamentable»

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Algunhas foron vítimas do vandalismo e noutras bastou o mero paso do tempo sen ningún tipo de limpeza ou arranxo para que se convertan nun perigo para os usuarios. A maioría das marquesiñas dos autobuses urbanos de Lugo presentan un estado «lamentable», segundo denuncia a Federación de Asociacións de Veciños nun escrito dirixido á concellería de Mobilidade no que a insta a actuar.

«Despois dun percorrido polas diferentes rúas da cidade, percibimos que na gran maioría das marquesiñas encontramos deficiencias lamentables debidas a actos incívicos e desgaste», sinala o documento enviado a Mobilidade, acompañado por unha colección de imaxes que ilustran o mal estado das estruturas.

Algunhas das marquesiñas fotografadas están totalmente «estragadas» sen laterais nin fondos, segundo constatou a Federación: «Carecen de mantemento, limpeza e desinfección».

Un perigo

Ademais, a organización veciñal advirte de que estes danos supoñen «un perigo para os usuarios dos autobuses urbanos». Nese senso, aseguran que algúns «xa non poden agardar o autobús dentro das marquesiñas pola sucidade dos bancos e a rotura dos mesmos ou pola inseguridade» que presentan.

A parte dunha intervención inmediata para a súa mellora, a Federación insta a penalizar os actos vandálicos contra as marquesiñas con «traballos a favor da comunidade» e como una forma de «educación cívica».