Concertos e museos para gozar dun sábado cultural

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Andrés Penabad
Andrés Penabad ALBERTO LÓPEZ

Actuará «on-line» Andrés Penabad e o DJ Marcos Peón, e reabre as portas a Casa-Museo Manuel María de Outeiro

15 may 2020 . Actualizado a las 13:16 h.

A programación cultural e de lecer vaise ampliando a medida que avanzan as fases de desconfinamento. Ademais de concertos e actividades en liña, comezan o sábado as visitas guiadas, presenciais, na Casa-Museo Manuel María, de Outeiro de Rei.

A Festa da Xuventude «en pantuflas» será unha das alternativas lúdicas para a noite do sábado, organizada polo Concello de Lugo. Terá lugar ás 22.00 horas e poderá seguirse, desde a casa e en directo, no Facebook do Concello lucense. O Concerto correrá a cargo do DJ lugués e produtor musical Marcos Peón, con máis de vinte anos de experiencia e que compartiu cabina con destacados DJ do panorama electrónico mundial.

«Nesta ocasión, ante a imposibilidade de realizar actos a pé de rúa pola pandemia do coronavirus, decantámonos polo formato dixital, ao que está xa moi afeita a mocidade», comentou a edil de Xuventude, Ana G. Abelleira.

Tamén haberá música o sábado pola tarde en Vilalba, co concerto en directo de Andrés Penabad desde o Auditorio Municipal, que se emitirá ás 19.00 horas pola canle de YouTube do Concello de Vilalba. Andrés Penabad é acordeonista galego, «o artista con maior proxección dentro do panorama folk, que conta cunha longa traxectoria na música, un bo número de premios e recoñecementos, cunha proxección da súa música a nivel nacional e internacional, e tamén con anos de experiencia na docencia a través do seu instrumento, o acordeón», segundo explican desde o Concello. Neste concerto estará acompañado por Diego Barral, á guitarra acústica; Iago Pena, co baixo eléctrico, e Dani Riveiro, á percusión.

Festa dos Museos

Por outra banda, continúa a programación que organizou a Rede Museística da Deputación con motivo do Día Internacional dos Museos. Seguirán as «Conversas diversas pola Igualdade, Diversidade e Inclusión nos Museos en tempo de Confinamento», é dicir, visitas breves dialogadas que terán lugar en liña ás 19.00 horas, e continuarán mañá. Tamén segue a actividade «Son da Arte», na que participan 55 mulleres artistas, e na que se anima aos cidadáns a poñerlle música ás obras de arte. Ademais, celébrase a Noite dos Museos, tamén en liña, a partir das 23.00 horas, compartindo os «Diarios de arte, educación e museos en tempos de covid», e con conferencias.

En canto á programación presencial, a Casa-Museo Manuel María, de Outeiro de Rei, reabre o sábado 16 as súas instalacións tralo peche polas restricións sanitarias da crise do Covid-19. A súa apertura será só para as visitas guiadas, que non poderán ser superiores a tres persoas, e que serán levadas a cabo seguindo as medidas preventivas hixiénico-sanitarias da fase 1 de desconfinamento. As persoas interesadas en visitar a casa natal de Manuel María e coñecer o legado que esta acolle, poderán facelo dentro do novo horario de verán (até o mes de setembro incluído): sábados e domingos, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas. Recomendan, mentres dure o desconfinamento progresivo, chamar previamente ou enviar un WhatsApp ao 698 177 621 ou escribir a casamuseomanuelmaria.gal para facer as reservas.

Os percorridos teñen por finalidade achegar a traxectoria vital e literaria de Manuel María. Pódese ver a biblioteca, un fondo artístico con obras de pintores galegos contemporáneos, documentación sobre a historia de Galicia da última metade do século XX, mobiliario e obxectos persoais do escritor.