A Casa-Museo Manuel María retoma as visitas guiadas

Laura López LA VOZ / LUGO

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Desde este sábado poderase percorrer de novo este centro cultural de Outeiro de Rei

17 may 2020 . Actualizado a las 21:22 h.

A Casa-Museo Manuel María, de Outeiro de Rei, reabre este sábado, día 16, as súas instalacións tralo peche polas restriccións sanitarias da crise do Covid-19. A súa apertura será só para as visitas guiadas, que non poderán ser superiores a tres persoas, e que serán levadas a cabo seguindo as medidas preventivas hixiénico-sanitarias da fase 1 de desconfinamento.

As persoas interesadas en visitar a casa natal de Manuel María e coñecer o legado que esta acolle, poderán facelo dentro do novo horario de verán (até o mes de setembro incluído): sábados e domingos, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas. Recomendan, mentres dure o desconfinamento progresivo, chamar previamente ou enviar un WhatsApp ao 698 177 621 ou escribir a casamuseomanuelmaria.gal para facer as reservas.

Os percorridos guiados polas estancias da Casa-Museo teñen por finalidade achegar a traxectoria vital e literaria de Manuel María. No seu interior, entre outras cousas, pódese ver a biblioteca, que contén unha das mellores coleccións particulares do libro galego ou sobre Galicia desde a potsguerra, un fondo artístico con obras de destacados pintores galegos contemporáneos, documentación imprescindíbel para coñecer a historia de Galicia da última metade do século XX, mobiliario e obxectos persoais do escritor.