Gabriel André Iglesias: «Tárdame ir á Terra Chá, e o peor de todo é que non sei cando poderei ir»

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios VILALBA / LA VOZ

LUGO

CEDIDA

Este filólogo decidiu quedar en Portugal por precaución, aínda que a reclusión é alí máis suave

10 may 2020 . Actualizado a las 21:51 h.

Gabriel André Iglesias, nado en Seixas (Cospeito) en 1987, leva dous anos e medio en Portugal, como lector da Universidade Nova de Lisboa. Chegou alí como lector, e o que nin el nin ninguén poderían imaxinar é que pasaría semanas sen poder moverse fóra do imprescindible e sen visitar a súa Terra Chá de orixe, coa que adoita manter un contacto que inclúe visitas periódicas.

A reclusión, di, «lévase en Portugal mellor». Non houbo, por exemplo, prohibición de pasear pola rúa. Vive en Barreiro, cidade do distrito de Setúbal onde os alugueres non tan altos coma en Lisboa, en donde os prezos, explica, teñen chegado a niveis case prohibitivos. Afeito a volver con certa frecuencia á súa comarca, que mesmo ten percorrido con alumnos, a súa situación actual semella ter algo de saudade e de inquietude.

«Tárdame ir a Cospeito, e o peor de todo é que non sei cando poderei ir», comenta. Preferiu quedar en Barreiro e non volver á terra de orixe. «Decidín non ir porque me pareceu máis responsable. Dende o punto de vista laboral non habería dificultade, porque ata hai uns días non podía nin entrar no meu gabinete ao estar pechada a miña universidade», explica.

Esa situación contrastaba coa habitual: ter que solicitar unha autorización para entrar no despacho quedaba moi lonxe da situación na que chegaba á universidade e abondaba con dicir que quería ir ao gabinete para ter aceso. Tamén é un pouco distinta a situación xeral de Portugal da que se vive ao norte do Miño, como el recoñece. Confesa que fixo unha corentena bastante forte, pero engade que a resposta colectiva lle parece máis ca boa. «Teño a sensación de que en Portugal o respecto á reclusión funciona bastante ben», afirma.

Dende que os movementos se restrinxiron, foi dúas veces a Lisboa, onde o comportamento xeral tamén lle causou boa impresión. «Os portugueses están a respectar a distancia social dunha maneira moi rigorosa», di. Unha posible causa pode ser un xeito de expresarse máis contido nos xestos ca o dos españois, aínda que tamén subliña a reacción das autoridades. «Aquí víronselle as orellas ao lobo con máis rapidez. Cando a crise chegou a Madrid, a xente asustouse moito», comenta. Cumprir as recomendacións das autoridades non semella supoñer para el un gran esforzo, aínda que si hai algo que lle falta. «Tárdame ver verde», algo que agora non ten porque a cidade onde vive é máis ben industrial.

Porén, que estean permitidos os paseos non exclúe a presenza dalgunas prohibicións, a de sentar nos bancos públicos entre elas. O deber de usar máscaras pola rúa non dá dereito a esas paradas. Gabriel André Iglesias conta, empregando mesmo un pouco de humor, que un día, volvendo do supermercado, fixo unha pequena parada e que uns públicos o viron sentado. «Que fas aí? Pasa para a casa», lle dixeron.