Becerreá coida do seu físico na casa

LUGO

Os estudantes do IES Becerreá súmanse ao Día da Educación Física na Casa
Os estudantes do IES Becerreá súmanse ao Día da Educación Física na Casa

Unha trintena de estudantes de primeiro e segundo da ESO súmanse á celebración do Día da Educacion Física na Casa

28 abr 2020 . Actualizado a las 12:42 h.

Dous días foron suficientes para que a rapazada do IES Becerreá respondera dunha maneira tan positiva a unha proposta de dous profesores para sumarse á celebración polo Día da Educación Física na casa. A colleita sumou 34 vídeos caseiros nos que a rapazada practica algún tipo de exercicio nalgún dos espazos nos que pasa o confinamento.

«Pensamos que participaría un 50% do alumnado», pero sorprendeunos ver que case un 90% enviou o material a tempo», explica Fernanda Follana, que xunto co seu compañeiro de departamento e director do IES Becerreá, Fernando Cerecedo, trasladou a idea á rapazada. A iniciativa ten carácter nacional e foi promovida en Galicia polo Colexio de licenciados en Educación Física.

Así foi como 34 mozos e mozas de primeiro e segundo da ESO, de entre doce e trece anos, se puxeron mans á obra para colaborar. Algúns deles preguntaron se podían participar as familias, dado que contan con irmáns pequenos que querían sumarse á iniciativa e mesmo algúns pais se animaron a saír nos vídeos.

«Non lles podes poñer menos que un dez», apunta a profesora, que agradeceu a implicación de toda a comunidade. «As execucións dos exercicios son moi boas, pero sobre todo se valora que estean activos, que sigan os cursos da plataforma virtual, dentro da área de Educación Física».

Brecha dixital

Nese senso, Fernanda Follana subliña que este alumnado leva xa tres anos de experiencia dixital cun programa deseñado pola Xunta para substituír na medida do posible o soporte físico polo dixital. De aí que este xeito de adquirir coñecementos non os pillara tanto por sorpresa, unha vez se estableceu o peche do instituto debido ao estado de alarma polo coronavirus. Os estudantes destes cursos contan cun pequeno ordenador co que xa traballaban dende fai tempo.

Pese a que o alumnado estaba «afeito» a este tipo de ensinanza e a pesar de que todos contan cunha boa conexión a internet, segundo sinala a profesora de Educación Física, tamén houbo algún atranco. «Aínda que estabamos inmersos na formación de plataformas virtuais, aínda así, costa afacerte a unha nova rutina, que os propios rapaces se acostumen a facer as cousas pola mañá... pero estano a facer moi ben», destaca Fernanda Follana.