A Festa da Filloa de Muimenta tamén se pode gozar nas redes

La Voz LUGO

LUGO

PALACIOS

25 abr 2020 . Actualizado a las 13:01 h.

Desde o luns 27 ata o día 3 • 

A comisión organizadora da Moexmu e da Festa da Filloa de Muimenta acordou dedicarlle á Festa de Interese Turístico de Galicia a próxima semana nas redes. Deste xeito, convidan a todo o mundo que o desexe a colgar as súas fotos, reflexións ou ideas sobre a Festa da Filloa de Muimenta, que estaba previsto que se celebrase o próximo venres, día 1, e que chegaría á súa XXIX edición, pero que tivo que ser aprazada pola situación de emerxencia sanitaria.

As publicacións que se realicen, en calquera rede social, deben ir acompañadas co hashtag #Filloa #FestaFilloa #FestaFilloaMuimenta #FestaFilloaIntereseTurísticodeGalicia #FilloaMuimenta ou calquera outro que á xente se lle poida ocorrer.

As fotos poderían ser de calquera Festa da Filloa que se vén celebrando dende o ano 1992, ou das propias filloas que se poidan elaborar esta semana, sobre todo o vindeiro primeiro de maio, ou de calquera das actividades parellas á celebración, que anualmente teñen lugar no recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta (concurso de debuxo, cans de caza, agility…): «A idea é que o espírito da Filloa siga vivo», explican os organizadores.

A comisión lembra que espera reunirse, unha vez que remate o estado de alarma, para decidir se se reubican tanto a Moexmu como a Festa da Filloa, ou se se retrasan definitivamente para o ano 2021.

En ambos casos, esperan seguir contando coa colaboración de todos os seus patrocinadores e, sobre todo, coa colaboración e traballo da veciñanza, tanto de Muimenta como dos pobos próximos.