Primeiro, a saúde; primeiro, as persoas

Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia

LUGO

24 abr 2020 . Actualizado a las 17:54 h.

Como cada 28 de abril, as Comisións Obreiras conmemoraremos o Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo. Este ano, máis ca nunca, esiximos un cambio na cultura preventiva que contribúa a rebaixar os datos de sinistralidade e, ao tempo, aumente a capacidade de reacción ante os problemas que estamos a experimentar no mundo do traballo polo COVID-19.

Os preocupantes datos de sinistralidade do último ano, así como o escaso recoñecemento das enfermidades profesionais —camufladas as máis das veces como patoloxías comúns—, poñen de manifesto a necesidade dun cambio nas relacións laborais e nas políticas económicas: o traballo e a seguridade no ámbito laboral deben ocupar un lugar central, cos consecuentes investimentos en prevención.

Nestes difíciles momentos, a clase traballadora está demostrando unha capacidade de reacción digna de admiración e que merece ser posta en valor. O persoal que traballa na sanidade pública, malia os recortes sufridos xa desde a anterior crise, é un exemplo para o conxunto da sociedade. O mesmo cabe dicir dos traballadores e traballadoras dos centros de maiores, da axuda a domicilio… En definitiva, o sector de dependencia en conxunto, cuxos niveis de exposición ao risco superan o tolerable. Cómpre deseñar de plans de continxencia adaptados a cada centro de traballo, realizar tests diagnósticos con axilidade e dotar o persoal de medida colectivas e individuais de protección para minimizar o impacto da epidemia.

O ensino público, insuficientemente dotado, tamén está facendo todo o posible no medio desta pandemia para seguir formando as xeracións máis novas. No momento en que empece a retomarse a normalidade, será vital facelo en condicións seguras tanto para o alumnado como para os cadros de persoal. Tamén merecen o noso recoñecemento as persoas dos servizos de prevención e extinción de incendios polo traballo voluntario que despregan en tarefas de desinfección, demostrando a función esencial deste colectivo. Tampouco nos esquecemos das persoas traballadoras do sector privado, en moitos casos en situacións de precariedade laboral, que están a soster servizos básicos para a sociedade pois garanten o sustento, a seguridade e as condicións hixiénicas imprescindibles nos espazos onde temos que convivir.

Para evitar que situacións duras coma esta se repitan, cómpre emprego de calidade e garantir os servizos públicos. En definitiva, camiñar cara a un estado de benestar no que as persoas sexan o primeiro.