Por un Día das Letras 2021 dedicado a Carvalho Calero

A Casa Museo de Manuel María e o Iescha piden que a figura elixida para este ano sexa tamén homenaxeada no vindeiro


VILALBA / LA VOZ

A Casa Museo de Manuel María e o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) consideran que o Día das Letras Galegas do vindeiro ano debe estar tamén dedicado a Ricardo Carvalho Calero. A súa figura xa foi elixida pola Real Academia Galega para este 2020, pero o estado de alarma impide a celebración de actividades e mesmo levou á RAG a elixir o 31 de outubro, fronte ao habitual 17 de maio, como data da homenaxe.

A Casa Museo de Manuel María, cuxas instalacións están en Outeiro de Rei, e o Iescha, de Vilalba, cren que a superación do estado de alarma, para o cal non hai aínda unha data fixa, non permitirá que Ricardo Carvalho Calero sexa recoñecido da mesma maneira que se fai cos protagonistas do Día das Letras Galegas. Ambas as dúas entidades opinan que non haberá tempo para que o intelectual ferrolán sexa protagonista de homenaxes de asociacións ou de centros de ensino. Por iso, pois, propoñen que a Real Academia Galega acorde prolongar o seu protagonismo ata o 2021, de maneira que reciba o recoñecemento propio da ocasión.

Unha das actividades que se comezou a desenvolver este ano foi a exposición titulada Don Ricardo de Fingoi, promovida polo colectivo Egeria coa colaboración do Colexio Fingoi e o patrocinio da Xunta. A mostra, que xa se instalou en varios concellos, lembra a estadía de Carvalho Calero en Lugo, onde viviu dezaoito anos (1950-1968). Á beira do Miño non só traballou no ensino senón que tamén escribiu obras de creación literaria en prosa e en verso ademais de traballos de crítica e de investigación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Por un Día das Letras 2021 dedicado a Carvalho Calero