A Rede Museística lanza a revista «Museal», aberta á participación cidadá

LUGO

Óscar Cela

A iniciativa propón artigos curtos sobre museos de todo o mundo

20 abr 2020 . Actualizado a las 13:14 h.

A Rede Museística da Deputación de Lugo continúa co programa cultural «Museal: a vacina que inmuniza», para facer máis levadeira a corentena a todo tipo de públicos e tamén para continuar co seu labor de educación e difusión dos contidos dos museos provinciais.

Estas actividades virtuais, coordinadas pola xerente da Rede, Encarna Lago, estrutúranse nas Musavisitas dialogadas, no Álbum da Memoria Compartida e no «Crea o teu museo», actividades ás que hai que engadir un Plan de Formación «on-line» dirixido ao persoal da Rede Museística.

Ademais, desde onte, a Rede puxo en marcha a revista Museal, na que convidan a todas as persoas interesadas a escribir un artigo curto sobre algún dos museos que visitaron polo mundo. Escritos de Paco Martín e Antonio Reigosa xa figuran na publicación, que pode consultarse no enlace http://redemuseisticalugo.org/documentos.asp?mat=180.

Ao mesmo tempo, e continuando co Plan de Formación dirixido ao persoal da Rede, no que participan relatores de diferentes museos e universidades de todo o mundo, mañá martes, ás 10:30 horas, intervirá Teresa Soldevila, responsable da Área de Responsabilidad Social do Museo Marítimo de Barcelona, que falará sobre «La responsabilidad social de los museos».