O Campus abre as súas portas virtuais para o futuro alumnado

LUGO

Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo
Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo Carlos Castro

A USC organiza encontros co ensino medio, mediante videoconferencias, obradoiros, chats, concursos e retos científicos, para orientar á mocidade na súa aterraxe universitaria

06 abr 2020 . Actualizado a las 13:41 h.

O Campus Terra de Lugo abre as súas portas virtuais ao seu futuro alumnado, a través dos Encontros Virtuais na Zona USC, que se desenvolven entre os días 6 e 8. Durante estes días, estudantes de ensino medio poderán acceder a través da web www.usc.gal/gl/encontros-virtuais a información dos títulos de grao da USC, ademais de participar en obradoiros, videoconferencias, chats, concursos e retos científicos ideados para orientar a súa aterraxe universitaria.

A información á que terán acceso está relacionada tanto cos contidos dos graos do próximo curso, como sobre as instalacións, equipamentos científicos, tecnolóxicos e demais servizos que a USC pon a disposición da comunidade universitaria e do conxunto da sociedade. Trátase dunha iniciativa coa que sortear as limitacións de mobilidade derivadas do estado de alarma decretado por mor do coronavirus, e dá continuidade ás actividades de información ao estudantado que desenvolve a través do programa «A Ponte entre o Ensino Medio e a USC», que coordina Celso Rodríguez.

No Campus de Lugo, a encargada de coordinar o programa A Ponte é a profesora Mercedes Novo, quen explicou que a idea de poñer en marcha os encontros virtuais xurdiu ante a imposibilidade de facer os percorridos e visitas presenciais que cada ano se realizan na USC para os estudantes de BAC de toda Galicia. A principios de febreiro tiveron lugar no Campus de Santiago, e estes días estaba previsto que se levaran a cabo na sede luguesa, coincidindo cunha mostra sobre a vida universitaria.

Quen desexe participar poderá acceder á bitácora virtual da Zona USC a través dunha ligazón de Internet que os centros educativos remitirán ao correo electrónico do seu alumnado: «Terán acceso a información e á programación académica dos títulos da USC, así como a moi diverso material audiovisual complementario, a través do que as persoas usuarias poderán afondar de xeito didáctico no coñecemento dos títulos que resulten do seu interese, ademais de coñecer as posibilidades de I+D+i que abrangue cada opción formativa», explican desde o Campus.

Interactividade

Unha vez dentro deste espazo virtual, cada usuario terá ao seu alcance a oportunidade de participar en obradoiros, videoconferencias específicas para cada título, chats, concursos, foros con estudantes universitarios e retos científicos. O estudantado preuniversitario poderá facer uso destas prestacións a demanda, en función das quendas horarias establecidas polos docentes de cada titulación, que teñen encomendada a tarefa de interactuar e dar resposta ás consultas dos usuarios.

A grella de títulos de grao ofertados pola USC para o próximo curso segue unha organización temática arredor das grandes áreas de coñecemento: Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias, Arte e Humanidades, Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais e Xurídicas. Segundo explica Novo, todo o relacionado coa mobilidade (programas Erasmus, por exemplo) e o funcionamento dos dobres graos, son áreas que espertan moito interese entro o alumnado.

Unha ponte feita de pasta

A oferta de obradoiros relacionados coas titulacións do Campus é ampla, segundo comentou Novo: «Propoñemos xogos, quizs ou retos que os estudantes poden facer na casa, con material que xa teñan ou que se pode adquirir facilmente aínda neste momento». Deste xeito, o alumnado interesado na enxeñaría civil, por exemplo, poderá participar no taller «Constrúe e racha a túa ponte», unha proposta elaborada polo profesor Carlos Núñez, que convida a construír unha ponte con materiais que hai na casa, como pasta, para logo calcular a súa resistencia.

Un obradoiro de modelado 3D, a proposta do profesor Juan Ortiz, outro de extracción do ADN dun chícharo, desenvolvida por alumnas de doutoramento, outro sobre os servizos de voluntariado, normalización lingüística, actividades culturais e deportivas da USC en Lugo e elaborado a partir das achegas feitas polo propio persoal, constitúen algunhas das singularidades que achegan os centros da sede luguesa aos espazos virtuais na Zona USC. Ademais, haberá sorteos de varios agasallos entre os que participen nos retos propostos.

Neste foro virtual, os usuarios poderán acceder a múltiples contidos audiovisuais sobre o Campus Terra, así como sobre as actividades xa promovidas polo grupo XuvenCiencia, segundo relatou Mercedes Novo. Tamén servirá para dar difusión ao concurso «Cambio climático e nós», promovido desde a Facultade de Ciencias, cuxo alumnado do grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais está a ultimar o deseño da actividade didáctica «Pasa elemento».

Modelado 3D ou a extracción do ADN dun chícharo, entre os retos propostos