Unha Semana Santa inédita en Lugo en case oitenta anos

LUGO

El obispo de Lugo, Alfonso Carrasco, este mediodía solo en la bendición del Domingo de Ramos en la Praza de Santa María
El obispo de Lugo, Alfonso Carrasco, este mediodía solo en la bendición del Domingo de Ramos en la Praza de Santa María OSCAR CELA

A Xunta de Confrarías emitirá as procesións de 2019 a través de Twitter, Facebook e o seu canle en Youtube

05 abr 2020 . Actualizado a las 18:56 h.

Confinados na casa, coa menor das preocupacións por que ao ceo se lle antolle chover e coas imaxes retidas nos templos. Vai ser unha Semana Santa «morriñenta», recoñece Ramón Basanta, coordinador xeral da Xunta de Confrarías. Por primeira vez en 78 anos, nin confrades, nin fieis, nin turistas curiosos acompañarán ás procesións polas rúas de Lugo. A experiencia será virtual a través das redes sociais e será tamén «morriñenta».

Hai un ton resignado na voz de Basanta cando pensa nos días previos á decisión do Goberno de decretar o estado de alarma. Faltaban só tres semanas para que as Confrarías expuxeran o traballo de todo un ano e era xa entón cando empezaban a ser conscientes de que non poderían.

Sacerdote por las calles de Lugo en Domingo de Ramos
Sacerdote por las calles de Lugo en Domingo de Ramos Óscar Cela

As prazas ateigadas de xente, os corpos apertados contra os muros da Muralla, o coro de voces da salve mariñeira... Todo lles fixo pensar xa naquela semana que esta edición marcaría un fito histórico, que non lles gustaría ter experimentado, pero que chegou, como tantas veces ocorrera coa chuvia, sen que a súa presenza supuxera nunca a cancelación total dos actos previstos.

Esta vez eran incluso máis, cun programa reforzado para celebrar o primeiro ano desde que a Semana Santa de Lugo fora declarada Festa de Interese Turístico Galego. Con todo ese pesar, foron das primeiras en adoptar e comunicar a súa decisión.

Sacerdotes en la plaza de Santa Maria en Domingo de Ramos
Sacerdotes en la plaza de Santa Maria en Domingo de Ramos Óscar Cela

«Que todo iso se vexa truncado e ademais tan preto, que ves que xa está aí, que está a punto... pois é realmente un desgusto, sénteste mal, pero tamén digo que firmaba porque fora ese o único problema nestes días. Para nós, o tráxico, o peor de todo é ver como está a morrer xente sen poder ser aliviados», expresa o responsable da cadea de preparativos parada agora en seco.

A primeira manifestación popular de masas

Lonxe de deterse, o engrenaxe comandado por Basanta continuou o traballo para converter en virtual o que ata o de agora era a «manifestación popular de masas más antigua de índole lucense», como así o documenta José Manuel Abel Expósito nun análise sobre os comezos da Semana Santa na cidade.

A procesión de imaxes relixiosas remóntase a cinco séculos atrás, pero eran os gremios os que as acompañaban. «Dende a creación das Confrarías nos anos corenta é a primeira vez que a Semana Santa se suspende por completo», certifica o coordinador xeral.

Como el mesmo rememora, para buscar o inicio da liña cronolóxica que hoxe se ve interrompida polo coronavirus hai que viaxar ata 1942, cando un franciscano chegado de Zamora empezou a animar á cidadanía a participar desta celebración nas rúas.

Sacerdotes en la plaza de Santa Maria en Domingo de Ramos
Sacerdotes en la plaza de Santa Maria en Domingo de Ramos Óscar Cela

Estaba a nacer a Confraría do Santo Enterro e así foi como por primeira vez en Lugo 16 homes acompañaron á imaxe de Cristo vestidos de negro e coroados cun capuchón, o punto de partida dunha tradición nunca antes vista en Lugo.

Case 80 anos despois, as rúas ficarán baleiras e os capuchóns desfilarán só nas pantallas nas que se reproduzan os vídeos elaborados coas procesións de 2019 cos que a Xunta de Confrarías quere manter viva a tradición. «É morriñento -admite Basanta-, pero se hai alguén a quen isto lle valga para facelo levadeiro, dou o traballo por ben feito».