A máquina esquecida de Toto, aliada para Policía e Garda Civil

LUGO

Toto, gerente de Desguaces Sidegal, con la máquina de ozono
Toto, gerente de Desguaces Sidegal, con la máquina de ozono Óscar Cela

O dono dunha casa de despezamento ofrece desinfectar os coches tras atopar a peza que nunca chegara a usar

05 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai horas nas que ningún coche para en Desguaces Sidegal, no polígono do Ceao, pero hai momentos do día nos que poden coincidir alí 12 vehículos de golpe. Desde que Toto, o dono, chamou á comisaría e ao cuartel para comunicarlles que posuía unha máquina de ozono coa que desinfectar os coches, o seu negocio é un constante ir e vir. «Non me costa nada axudar, pero tiven que enviarlles un protocolo porque ás veces se me xuntaban aquí catro ou cinco coches», sinala.

Ten unha das poucas firmas de despezamento en Galicia que conta cun almacén informatizado. Busca no seu ordenador unha peza e este lle suministra ao instante a estantería exacta da nave na que se atopa. Quizáis por iso, Toto sabía á perfección onde se atopaba a extraña máquina que mercara «hai un ano e pico».

«Penso que foi un chaval de Alicante que comprara catro e si eran cinco salíalle máis barata, entón collin eu unha», recorda xusto antes de precisar que estaba nova a estrear xa que nunca en todo este tempo a encendera.

A máquina en cuestión funciona con ozono e permite acabar coas bacterias dos espacios nos que actúa. «Dura unhas 6.000 horas e o único que gasta é luz e tempo», precisa Toto, que xusto vai sobrado deso último: tempo.

Caída dun 80%

As ventas de Desguaces Sidegal baixaron un 80% nestes días. Traballan porque proporcionan pezas aos talleres que aínda permanecen abertos e tamén porque son xestores de residuos perigosos, polo que contan cunha autorización específica no decreto aprobado polo Goberno polo estado de alarma.

Así as cousas, Toto púxose en contacto coa Policía e a Garda Civil para informarlles de que dispoñía dunha máquina que podía serlles útil para desinfectar os coches cos que patrullan e que poden estar expostos ao virus.

A resposta foi inmediata. «Veñen moito, hai días que ata 12 coches», afirma este espontáneo voluntario en tempos de coronavirus. De feito, o éxito da súa iniciativa foi tal que viuse na obriga de enviar un «protocolo» para que non se lle xuntaran ao mesmo tempo catro ou cinco vehículos diante da nave como ocorría.

«Eles son moitos e non saben uns dos outros, así que envieilles unhas pautas», aclara o propietario de Sidegal. Nese escrito, Toto, que se protexe con guantes e máscara no desempeño desta labor, precisaba o seu modus operandi: «teñen que entrar dun en un e chamarme o día antes polo menos, logo eu non toco o coche para nada, só a manilla da porta, pero nada máis e o que fago é pedirlles que me deixen o aire acondicionado posto, que deixen dentro o que queiran e abro a porta, coloco a máquina no asento, espero dez minutos e xa eles mesmos volven a abrir as portas».

Despois hai que airear o coche outros dez minutos máis coas portas abertas. Así desinfecta uns catro ou cinco coches por hora. «Hai horas do día nos que non ven ninguén, pero podo estar dúas horas e media con iso se veñen escalonados», indica.

É tal a demanda que, aínda que lle presta axudar, pensa en cederlles a máquina para que «a teñan eles e así o poden facer á hora que queiran e os que queiran».

Non podía imaxinar, como di, que «esa máquina dera para tanto, que puidera ser boa contra unha pandemia». Sospeita que pode haber «máis máquinas destas tiradas polas casas e a xente non o sabe». Se tiveran os rochos informatizados coma el o almacén, darían con algunha outra destas aliadas contra o virus.