Visita virtual pola historia mariñeira da costa lucense

LUGO

PEPA LOSADA

O Museo Provincial do Mar, en San Cibrao, é un dos centros que mostran os seus contidos con percorridos en 360 graos

01 abr 2020 . Actualizado a las 13:33 h.

As visitas virtuais polo patrimonio da provincia son unha das alternativas máis recorrentes para gozar da cultura e do lecer durante o período de corentena pola crise do coronavirus. A Rede Museística Provincial, da Deputación de Lugo, ten accesibles a través das redes sociais e da web http://redemuseisticalugo.org/index.asp varios percorridos en 360 graos para coñecer os centros museísticos sen saír da casa.

Un deles é o Museo Provincial do Mar, situado en San Cibrao (Cervo). A visita virtual permite un percorrido polas diferentes salas do centro e polo exterior, dando acceso tamén a información sobre os contidos e a historia do Museo.

Segundo comparten na web, o Museo do Mar é un dos máis antigos dos dedicados a este tema en Galicia, e está situado nun edificio que foi construído en 1931 coa finalidade de albergar unha escola unitaria. Na actualidade, o museo pretende reflectir a historia e a vida mariñeira da costa lucense, amosando a súa riqueza biolóxica e etnográfica.

Para iso, organízase en catro seccións. Na primeira, fáiselle unha homenaxe á escola. No espazo contiguo, onde un motor a vapor simboliza o corazón do museo, recóllense as testemuñas gráficas do pasado mariñeiro da comarca. Tamén hai outra sección sobre a carpintería de ribeira en San Cibrao, completada cunha exposición de réplicas de barcos. Hai ademais un espazo no que se expón instrumentos náuticos, e outra máis centrada nos oficios do mar e nas artes e aparellos de pesca. Neste último apartado inclúese tamén unha representación da fauna mariña, entre a que destaca a colección de malacoloxía, así como tamén esqueletos totais ou parciais de animais mariños, animais desecados, corais, fósiles, algas... E na última sala, historia da caza e restos óseos das baleas, recollidos nas praias de San Cibrao, en especial na de Cubelas, onde se procesaban os cetáceos cazados entre os séculos XVI e XVIII.