Museos, mosteiros, pallozas e lecturas sen saír da casa

LUGO

O Mosteiro de Samos pon á disposición da cidadanía pinceladas da súa historia, así como do seu arquivo e biblioteca a través dunha visita virtual
O Mosteiro de Samos pon á disposición da cidadanía pinceladas da súa historia, así como do seu arquivo e biblioteca a través dunha visita virtual ALBERTO LÓPEZ

Visitar Mondoñedo, O Cebreiro, Samos ou as exposicións do Arquivo Histórico Provincial é posible grazas á iniciativa «A cultura segue», da Xunta

28 mar 2020 . Actualizado a las 19:10 h.

Visitas a museos, mosteiros, pallozas, lecturas e exposicións son algunhas das propostas que lanzan para os lucenses desde a Xunta de Galicia, a través da iniciativa «A cultura segue».

Por unha banda, propoñen unha visita telemática por varias exposicións do Arquivo Histórico Provincial de Lugo: Pontes, postigos e pasares, na que se atopan imaxes destes elementos estruturais da provincia; Por feiras e mercados: ver, mercar, vender..., que abrangue cronoloxicamente o período 1914-1984 en imaxes de feiras celebradas en Lugo, O Páramo, Nadela, O Cebreiro ou Monterroso; ou Tempo de infancia, unha compilación de imaxes antigas que amosan os diversos ámbitos da vida cotiá dos máis pequenos noutras décadas (arquivosdegalicia.xunta.gal/portal/arquivo-historico-provincial-de-lugo/).

Tamén se poden explorar virtualmente varios paraxes da provincia, como o museo e o castro de Viladonga (museos.xunta.gal/gl/viladonga) ou as pallozas do conxunto etnográfico do Cebreiro (www.xunta.gal/ficheiros/museos/visitas-virtuais/ocebreiro/Ocebreiro_gl.html).

As catedrais da provincia tamén están ao alcance, con rutas en 360o a través de Turismo de Galicia, onde é posible pasear pola Catedral de Lugo ou a Catedral de Mondoñedo. Pola súa banda, o mosteiro de San Xulián de Samos pon á disposición da cidadanía pinceladas da súa historia, así como do seu arquivo e biblioteca a través dunha visita virtual, e aínda se poden visitar outros moitos como o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Salvador de Lourenzá ou San Francisco, en Lugo.

A Biblioteca Pública de Lugo tamén está a participar na campaña #aculturasegue a través das súas redes sociais. Ademais, está GaliciaLe,a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico. A través deste sistema, pódense descargar e visionar obras en formato dixital de temáticas diversas. En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha biblioteca pública galega.

Como novidade para todas as persoas de Lugo curiosas polo Camiño e a cultura da peregrinación, lánzase a Bibliografía Xacobea (www.caminodesantiago.gal/gl/conecemento-e-investigacion/bibliografia-xacobea), que recompila traballos de historiadores, filólogos, antropólogos, xeógrafos, arqueólogos... de moitos países do mundo. Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público as actas dos congresos celebrados desde o 1993 polo Comité Internacional de Expertos do Camiño.

Medrar en galego

Para o espallamento, uso e perfeccionamento da lingua galega a Xunta conta con varios recursos no Portal da Lingua Galega, para todas as idades: os audiovisuais infantís As miñas primeiras Letras Galegas ou Os Axóuxeres; recursos musicais, como Nun mar azul ou No colo da fala, cancións de berce interpretadas por Xabier Díaz, e propostas de diferentes xogos; recursos como o Ben Falado, e canles como Galeguizar Galicia.