«E que fago coa miña explotación se o bicho chega? Non hai ERTE posible»

María Guntín
maría guntín MEIRA / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

Ten unha explotación de 81 vacas e, explica, para el a vida segue o seu transcurso

29 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Para Francisco López, presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) a rutina na súa casa de Ponte de Outeiro (Castro de Rei) é a mesma que a que tiña hai un mes. Alí ten a súa explotación gandeira preto da súa vivenda, na que leva xa 27 anos e que se chama Casa Ánxel, tal e como indica un letreiro grande ao chegar. Porque no rural auténtico as casas teñen nome para lembrar aos seus antepasados, eses que decidiron construír a súa vida en tempos de guerra ou, quen sabe, quizais por amor.

Francisco ten 81 vacas de leite e, explica, o confinamento non conseguiu que deixaran de vir os camións recoller a mercancía. Ademais, polo momento o prezo mantense. «Agora, polo confinamento, aproveitas para facer traballos que tiñas apartados e cos que non te poñías por falla de tempo», conta López. Estes días arranxou un peche que tiña pendente. «Aquí toda a vida houbo vacas, pero dende o 2.000 certificámonos en agricultura ecolóxica, decidimos producir menor e engadirlle valor ao que facemos», conta. Ademais, o presidente de Craega tamén explica que no campo sempre hai cousas que facer, pero que el se sinte dono de si mesmo, xa que pode decidir cando pospoñer, cando continuar e cando descansar.

Este gandeiro cre que a situación de alarma global polo coronavirus ten que derivar nun cambio de mentalidade conxunto para unha sociedade capitalista, que só pensa en mercar. «Temos que priorizar ser máis conformistas e menos egoístas», explica Francisco. Pero nesta crise sanitaria e tamén de valores pode surxir o debate sobre a liberdade. Para este gandeiro, é imposible imaxinar a vida enclaustrado nun piso. «Ao mellor, tamén lle estamos pagando o dano que lle estamos facendo á natureza con todo isto que está pasando», explica Francisco, convencido de que isto debe derivar nunha recapacitación colectiva que permita replantexar os ritmos de vida da xente.

Pero o medo polo coronavirus chega ata o rural. «¿E que se fai ca miña explotación se o bicho chega aquí? Porque ás vacas non lles podes facer un ERTE», pregúntase López. Nestes días apenas reciben visitas e antes, explican, aínda chegaba algún viaxante. Sen embargo, esta familia admite que as reunións de antes remataron, e que a sociedade agora é máis egoísta e incluso sen alerta sanitaria, confínanse nas casas. «O mundo iranos cambiando», sentencia López.