Coronavirus, cólera e memoria

LUGO

25 mar 2020 . Actualizado a las 12:28 h.

Nestes estraños días que estamos a vivir, escóitase decote que esta situación nos cambiará e que aprenderemos a valorar o importante. Mais a historia demostra que, en realidade, superadas as situacións, tendemos a esquecelas. 

En 1854, A Coruña viviu un arrepiante brote de cólera que supuxo un elevadísimo número  de mortes. Sábese como comezou todo e cal foi o “caso cero” da epidemia. A tripulación dun barco con cólera debía gardar corentena; mais un dos seus tripulantes, movido por un desexo incontible de ver aos seus, escapou onda eles. O seu acto, aparentemente sinxelo (e ata emotivo), acabou por provocar a morte de parte da súa familia e de miles e miles de coruñeses. A traxedia foi tan grande que chegou a prohibirse que as campás tocasen a morto para evitar o pánico. Houbo días nos que morreron ata 150 persoas nunha cidade que era moito máis pequena do que é na actualidade. Estímase que o cólera acabou con entre un dez por cento e un terzo da poboación.

Juana de Vega, personalidade fascinante daqueles anos, tivo unha acción destacada no coidado dos doentes, chegando a gañar fama de santa por deambular entre eles sen contraer a enfermidade. Ao parecer, padecera xa o cólera e quedara inmunizada, mais iso non resta fermosura ao seu esforzo. 

Esta é unha historia case esquecida que cómpre lembrarmos estes días, cando nos pese o confinamento da corentena; cómpre lembrar a ese home que, seguramente movido polo amor, causou a devastación. E tamén a Juana de Vega, como exemplo de xenerosidade e entrega. Toda situación límite deixa, atrás dela, pegadas das distintas facetas humanas: a ruindade, a xenerosidade,  a sabedoría, a inconsciencia... Cómpre lembrarmos o cólera: tamén foi a nosa historia e merece un lugar na nosa memoria. E cando isto pase, non esquezamos o coronavirus e o que nos ensinou.