Paisaxes e patrimonio lucenses, na pequena pantalla desde Netflix

A Deputación colabora coa produción da serie galega «O Sabor das Margaridas»


Lugo

A Deputación de Lugo impulsa a proxección internacional da provincia colaborando economicamente coa produción da segunda temporada de «O Sabor das Margaridas», a primeira serie galega incorporada á plataforma audiovisual Netflix, e que se estreou na Televisión de Galicia. Nesta segunda temporada, a provincia de Lugo ten un papel protagonista ao aparecer como escenario paraxes lucenses como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai, no Corgo, ou a capital lucense. O presidente da Deputación, José Tomé, subliñou que colaborar con «O Sabor das Margaridas», da produtora galega CTV, supón unha grande oportunidade para a proxección internacional da riqueza paisaxística e cultural da provincia: «É un xeito moi efectivo de dar a coñecer a nosa terra, de incentivar o turismo».

Tomé Roca asegurou que «esta promoción a través do audiovisual que fai a Deputación contribuirá a recuperar con forza o impulso turístico da provincia unha vez superada a crise do coronavirus».

Por outra banda, o presidente salientou o apoio da Deputación á industria audiovisual lucense e galega, materializado en colaboracións nos últimos dez anos cunha vintena de películas, series, documentais e curtas, porque «apoiar ao audiovisual é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo».

Segundo destacan desde o organismo provincial, a nova temporada deste proxecto audiovisual, que durante a súa primeira temporada foi traducido a trinta idiomas, contén seis episodios de 70 minutos con escenas rodadas en varias localizacións da provincia de Lugo, como son o Miradoiro do Duque de Monforte ou o Pazo de Adai do Corgo, entre outras. Este thriller policial e de misterio, rodado en Galicia, pódese ver en 190 países e situouse no top 10 da popularidade oficial de Netflix ao converterse na sétima serie de fala non inglesa máis vista no Reino Unido e Irlanda desta plataforma xigante do streaming.

O reparto está formado por María Mera, Santi Prego, Noelia Castaño, Rebeca Stones, Sara Sanz e David Seijo. «O Sabor das Margaridas» recibiu o premio á Mellor Serie de Televisión nos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Paisaxes e patrimonio lucenses, na pequena pantalla desde Netflix