Jorge Balado: «Ata 25 persoas poden velar a un morto, pero non vemos máis de dez»

lucía rodríguez peña LUGO / LA VOZ

LUGO

Jorge Balado, presidente de la Asociación Provincial de Servizos Funerarios
Jorge Balado, presidente de la Asociación Provincial de Servizos Funerarios OSCAR CELA

Por conciencia, polo confinamento ou por medo, hai moitos que non se despiden dos seus seres queridos

21 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva unha vida enteira de servizo aos que se despiden para sempre dun ser querido e recoñécese «desorientado» nestes días. Jorge Balado, presidente da Asociación Provincial de Servizos Funerarios de Lugo (Aprefu), advirte de que os cambios introducidos polo decreto do Goberno a raíz do estado de alarma poden mesmo dificultar o loito. A normativa establece un máximo de 25 persoas para velar a un morto, cando por conciencia, medo ou confinamento, son entre tres e nove os que estes días acompañan os corpos.

«Estes actos adoitan ser moi emotivos, nos que as familias se acompañan das persoas máis cercas, e onde é habitual tocarse, bicarse, darse apertas. Estes días ves que todo iso desapareceu. Se cambian ata as costumes, como non nos vai a afectar a nós?», pregúntase Balado, que representa na súa asociación a unhas 35 empresas da provincia.

Os servizos que atendeu esta semana só reuniron unha media de cinco persoas. «As 25 que marca a normativa son mesmo excesivas para un acto», sinala. Sorpréndelle o nivel de conciencia da cidadanía, aínda que tamén cre que detrás dela hai moito medo ao contaxio.

Os cambios que o decreto do Goberno introduciu na rutina das funerarias van dende o número limitado de persoas para velar a un morto ata unha menor ocupación dos tanatorios (só un terzo do volume máximo), así como o tratamento do cadáver. No caso dos que morran por coronavirus, o corpo non poderá ser manipulado, irá pechado nunha bolsa especial e só poderá ser velado dentro da caixa fúnebre.

Para Balado é fundamental favorecer o loito das familias porque pensa que se verá afectado. Por iso, en lugar das clásicas necrolóxicas nos diarios e radios, ofrecen a posibilidade de informar da morte dun familiar e deixar a convocatoria dun acto na súa memoria para máis adiante. O feito de poder facer este acto de recordo con posterioridade, pensa que «axudará a levar o loito doutra forma».

Ir traballar con «máis medo», pero co «mesmo risco» 

O ministerio de Sanidade e a Xunta estableceron estes últimos días novos protocolos de traballo para as funerarias, que no relativo ao tratamento dos corpos non dista moito doutras situacións ás que xa se teñen enfrontado. Jorge Balado admite que quizais nesta ocasión haxa «máis medo», pero asegura que teñen traballado co mesmo nivel de risco «ou máis» pola posible transmisión da enfermidade que acabou coa vida da persoa á que asisten.

«Temos o protocolo do persoal sanitario, así que usamos os equipos de protección individuais (EPIS, que comprenden luvas, gafas, traxes e agora máscara) e temos que protexernos o máximo posible», explica o representante do sector en Lugo.

O número de falecementos non aumentou de maneira significativa na provincia, de forma que ata o de agora traballan con normalidade. «Nin hai máis nin menos», apunta.

Sen embargo, Balado sente incerteza polo que poda pasar en tan só unhas horas: «Temos comunidades limítrofes que permiten enterrar antes das 24 horas e que teñen os tanatorios pechados», a diferenza de Galicia, onde aínda non hai «restricións no destino final do cadáver nin nas condicións para facelo».