Vicente Blanco, mestre en Formación do Profesorado: «A creatividade ensínanos que os problemas poden ter moitas solucións»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Vicente Blanco, Rocío Modia e Salvador Cidrás, co libro «Educar a través da arte», que saíu á venda hai poucos meses
Vicente Blanco, Rocío Modia e Salvador Cidrás, co libro «Educar a través da arte», que saíu á venda hai poucos meses

O autor do libro «Educar a través da arte» lidera desde Lugo unha corrente para fomentar a aprendizaxe desde a arte

20 mar 2020 . Actualizado a las 08:45 h.

Vicente Blanco (Compostela, 1974), leva case dúas décadas traballando como profesor na facultade lucense de Formación do Profesorado. Licenciado en Belas Artes, é promotor, xunto ao tamén mestre da facultade Salvador Cidrás, do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada, e coautor (xunto á Cidrás, e coa colaboración da súa exalumna Rocío Modia) do libro Educar a través da arte. Cara a unha escola imaxinada, dirixido a profesionais da educación de infantil e primaria. O libro, teórico-práctico, recolle experiencias «performativas» que abranguen traballos co barro, co papel ou co debuxo experimental, entre outras propostas. Editado por Kalandraka hai uns meses, está tendo moi boa acollida e xa foi seleccionado como finalista na Gala do Libro Galego, na categoría de Ensaio e Investigación, xunto a unha obra de Miguel Anxo Seixas e outra de Suso de Toro.

-Por que decidiron escribir este libro?

-Salvador e eu vimos do mundo da arte, polo tanto, a nosa forma de aprender é a través da creación, da experiencia, traballando coas mans, para nós iso é o natural. Ambos somos profesores na facultade de Formación do Profesorado e vimos que esa forma de aprender non ten cabida no sistema educativo actual, baseado en técnicas moi memorísticas. Co libro pretendemos reivindicar a aprendizaxe a través do facer, queremos cambiar a dinámica, e a arte é unha ferramenta indispensable para iso. No libro, teórico-práctico, cuestionamos as metodoloxías de aprendizaxe memorísticas e facemos varias propostas prácticas.

-Por que é tan importante a creatividade?

-A creatividade ensínanos que os problemas poden ter moitas solucións, coa creatividade podemos resolver un problema de xeito inesperado. O que ocorre é que non está interiorizada a creatividade, e non só iso, senón que se penaliza, porque é diferente á convención. A convención apórtanos unha estrutura, pero tamén é necesario cuestionala.

-Que ocorre cando se leva á práctica a aprendizaxe baseada na creatividade?

-En España temos un problema de metodoloxía moi importante, cunha educación memorística moi presente, e hai moita reticencia por parte do alumnado. Por unha banda, os estudantes da facultade queren alternativas ás clases maxistrais, pero tamén son reticentes ás clases prácticas, atópanse nunha continua contradición.

-Por que é tan importante fomentar a creatividade nas etapas de infantil e primaria?

-Nós somos mestres de futuros mestres de infantil e primaria, de aí que nos centremos nesas etapas. Pero tamén porque son idades moi importantes no desenvolvemento das persoas, é a base para construír a súa identidade, e non podemos basear a súa aprendizaxe en modelos reprodutivos, é dicir, reproducindo sempre o que lle vén dado, a través das clásicas fichas. Iso é contraproducente, prexudica o imaxinario infantil, pois deben adoptar un imaxinario que xa lles vén dado, e non inclúe a súa propia experiencia. Fronte a esa metodoloxía, nós propoñemos o sistema produtivo, no que o que importa son os procesos e as experiencias, non o resultado.

-No libro tamén introduce conceptos como «estética feminista». En qué consiste?

-Ten que ver con que a educación artística sempre se considerou moi feminizada, e co feminismo cuestionamos iso, para que todas as persoas poidan explorar a súa feminidade e masculinidade e que constrúan a súa propia identidade sen limitacións. En xeral, Salvador e eu dámoslle moita importancia á educación estética, é dicir, en formar para aceptar a diversidade, en todas as súas manifestacións, e tamén no coidado do medio. Se valoras o universo, serás capaz de defendelo e loitar por el. Por iso insistimos na necesidade de contar cun espazo coidado, cálido e luminoso para a aprendizaxe, sen imaxes comerciais. En España temos o problema do realismo, é dicir, só se valoran eses canons nos debuxos dos nenos, pero os cativos teñen outra forma de ver o mundo, e debemos valorala e respectala. E así atopámonos cun grave problema nos nosos universitarios, pois os alumnos chegan á facultade sen valorar o que eles fan, sen darlle valor ás súas propias creacións. Algo que escoitamos moito os mestres é «non sei debuxar», pero, ¿que é saber debuxar? E tras abrir un debate nas aulas, vemos que parten de valorar o realismo do debuxo, pero que pouco a pouco empezan tamén a darlle valor ao que se chama «estilo persoal», porque cada persoa ten a súa propia marca, a súa forma de expresarse; e o que temos que fomentar como mestres de infantil e primaria é que cada neno sexa capaz de construír a súa propia mirada sobre o mundo.

-No título do libro mencionan a «escola imaxinada». Como é?

-Esa «escola imaxinada» é primeiro aquela na que os cambios e debates educativos os lideren os profesionais da educación, e non os políticos. Por exemplo, o do pin parental é un debate inventado. Si sería un debate o tema das ratios ou os espazos. En segundo lugar, esa escola debe fomentar o traballo desde o contexto do neno, é dicir, traballar o próximo, o cercano. En terceiro lugar, debería promocionar o traballo a partir do facer, non só memorístico. Neste sentido, defendemos as teorías de pedagogos históricos como Dewey. En cuarto lugar, esa escola tamén ten que ser feminista. E a maiores, debe centrarse nos coidados e non tanto nos contidos, pois de pouco vale que estudemos a clasificación dos animais se logo estamos a acabar con eles.

«Hai un problema moi grande de ratio no noso país»

Blanco e Cidrás van poñendo en práctica nas aulas a aprendizaxe a través da arte.

—É factible aplicar estas prácticas ao sistema educativo actual coa organización e ratios que hai?

—Efectivamente, é moi complicado. En España hai un problema moi grande de ratio, con 25 nenos por profesor en infantil. Sería necesario baixar as ratios e tamén cambiar a arquitectura dos edificios, con aulas máis amplas. Pero nós temos que dar esa formación, precísase un cambio estrutural do sistema, pero temos que mostrar esta metodoloxía aos mestres e futuros docentes para que saiban que é posible e que eles tamén a demanden.

—Hai interese en Lugo por fomentar a creatividade nas aulas?

—A parte máis difícil é o traballo co noso alumnado da facultade, porque están afeitos a un sistema reprodutivo. En canto aos mestres en activo, temos unha resposta moi boa. Ademais, colaboramos moito co colexio Anexa, de xeito que moitas das propostas que facemos traballámolas cos nenos e nenas da Anexa que veñen á nosa aula. Estamos nunha situación de luxo, privilexiada, porque podemos traballar tanto cos nenos, como cos mestres en activo como cos futuros profesores, así que facemos unha boa combinación.

—Recolle o libro propostas para que poidan facer os nenos?

—No libro recollemos propostas pensadas para adultos (mestres ou futuros mestres), actividades e recursos moi sinxelos para usar como alternativa ás fichas. Pero temos un blog, escolaimaxinada.com, que si ofrece propostas para nenos e nenas de infantil e primaria.

«Se valoras o universo, serás capaz de defendelo e de loitar por el»

«Debemos fomentar que cada neno sexa capaz de construír a súa propia mirada sobre o mundo»

«Os alumnos chegan á facultade sen darlle valor ás súas propias creacións»