As traballadoras de Servizos Sociais denuncian unha situación extrema e falta de medios

Unha familia de Monterroso cunha persoa dependente na casa: "Estamos desesperados, xa non sabemos que facer"

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia pídelle á Xunta que tome medidas de acompañamento social e de protección das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Ademais, dende a entidade din que «non se están a tomar medidas de prevención e protección social que de carácter urxente se debían estar aplicando tras o peche e cancelación deses servizos». Así, reivindican a importancia da atención social de persoas en fraxilidade e da cobertura ordinaria das súas necesidades, algo interrompido polo peche e cancelación dos servizos.

O colexio cree que a Xunta non está tendo en consideración o SAF e reitera que teñen constancia de que algunhas empresas prestadoras deste servizo «non poñen a disposición das auxiliares as medidas de prevención para o contaxio e propagación do coronavirus». Por iso cren que son organismos oficiais como a Deputación e a Xunta os que deben asistir aos concellos a nivel técnico e material.

O peche de centros de día

Para o Colexio Oficial de Traballo Social, o peche dos centros de día «provoca unha situación de emerxencia que non se está a resolver. Hai persoas cunha dependencia alta que non poden acudir aos centros nin teñen garantida a alimentación ou o aseo nos próximos días», explican dende a institución. Tamén pensan que o peche deriva nunha maior ocupación de camas nos hospitais e en que se produzan situacións de risco nos domicilios. No benestar dos maiores tamén inflúe o peche de centros educativos, que «deriva en que haxa proxenitores con profesións que non interrompen a súa actividade laboral, polo que poden ter dificultades para garantir o benestar das persoas menores ao seu cargo».

As traballadoras de Servizos Sociais de Lugo reivindican que son «a porta de entrada á cidadanía para solucionar os seus problemas, e máis nun momento coma este». Por iso, denuncian que é moi difícil xestionar os seus recursos e que o persoal nos distintos concellos non chega, «o que se suma á tardía resolución de recursos», entre outras cousas.

Falta de protocolos

"Respecto o servizo de Axuda No Fogar, non existen protocolos unificados para todos os Concellos nin en Lugo nin en ningún outro lugar de Galicia, nin indicacións da Xunta de como proceder ante a situación de desprotección das persoas maiores e das profesionais auxiliares. Ademais, o persoal do SAF non dispón do material preventivo necesario e indispensable para realizar as súas tarefas. Iso é perigoso porque as persoas usuarias de SAF en provincias tan envellecidas como Lugo son maiores e moitas veces con patoloxías previas. Se antes da presente crise o persoal e os recursos eran escasos en Servizos Sociais, agora aínda máis», explican as profesionais da provincia. En total, son arredor de 100 as mulleres que se dedican a coidados comunitarios en Lugo.

 

Unha familia de Monterroso, desamparada

A nai de José Ramón Ramos vive con el e ca súa nora en Marzán, Monterroso. Ten 80 anos e Alzheimer. «Levamos dous anos pelexando pola axuda a domicilio ou pedindo praza nunha residencia. O meu sogro faleceu sen recibir ningunha axuda. E agora, a miña sogra cae tódolos días. O meu marido José sufriu un ictus en maio e eu soa con isto non podo», explica a muller de Ramos que asegura que durante esta crise sanitaria precisan máis que nunca axuda no seu fogar. Ela tamén conta que, cando a súa sogra cae, non poden levantala e teñen que chamar a emerxencias. Ademais, José Ramón está de baixa e a súa muller non ten traballo porque, cando quedou no paro, comezou a coidar dos seus sogros. «Agora estamos desesperados, e xa non sabemos que facer», explica esta parella.

As  medidas que solicitan as traballadoras sociais

  1. Crear de xeito inmediato mesas de coordinación sociosanitaria con todos os axentes implicados (Xunta, Sergas, Servizos Sociais Comunitarios e Servizos Sociais Específicos) para artellar un plan de actuación de emerxencia social e dar cobertura ás persoas con especiais dificultades para que supere o illamento e peche de centros e servizos.
  2. Integrar ás xefas de servizo de traballo social no comité de crise.
  3. Regular os servizos mínimos a dispensar polas auxiliares de axuda no fogar e dotalas do material de protección preciso, equiparándoas ao persoal sanitario para evitar a propagación do virus nos colectivos máis sensibles.
  4. Establecer un servizo de reparto de alimentos, tanto preparados como non preparados para as persoas con especiais dificultades para o mantemento das súas necesidades básicas tras o peche de centros.
  5. Permitir o ingreso en centros residenciais das situacións de emerxencia social e extrema gravidade.
  6. Habilitar un teléfono específiico de atención social para atender, coordinar e derivar as demandas.
  7. Dar cobertura técnica e profesional ás entidades locais que carezan de persoal cualificado para xestionar emerxencias e crear protocolos de atención en situacións urxentes non sanitarias derivadas do illamento.
  8. Ofrecer orientacións a todas as profesionais do social que atenderán durante o illamento a demanda e as preguntas de persoas que carecen de rede social de apoio o que teñen dificultades especiais.

Falta de medios nas residencias de maiores abertas

Algunhas traballadoras das residencias de maiores que continúan abertas en Lugo denuncian que é un problema xeralizado na provincia "que faltan medios, non se minimizou o contacto entre o persoal e a xente está moi sobrecargada de traballo". En As Gándaras, hai 30 persoas de atrnción directa e auxiliares para tres plantas, dúas delas con persoas totalmente dependentes. Por iso, as traballadoras e os traballadores piden que se actúe rápido para evitar que o virus poida entrar no centro e afectar vitalmente a este colectivo de risco.

Votación
2 votos
Comentarios

As traballadoras de Servizos Sociais denuncian unha situación extrema e falta de medios