A muller rural atopa o seu sitio na Escola Politécnica Superior

LUGO

A actriz do Corgo Benedicta Sánchez, galardoada cun Goya polo seu papel en «O que arde», participou hai uns días no Campus no acto de homenaxe ao papel das mulleres no sector agrario, forestal e do mar

14 mar 2020 . Actualizado a las 18:08 h.

A muller rural atopa o seu sitio na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra de Lugo. Un acto simbólico e de homenaxe serviu hai uns días para visibilizar, recoñecer e poñer en valor o papel das mulleres no sector agrario, forestal e do mar, na súa maioría, persoas anónimas que contribuíron a manter a estrutura social e económica de Galicia e impulsaron o seu desenvolvemento.

O concorrido acto, promovido pola Comisión de Igualdade e de Xénero, consistiu na colocación dunha placa conmemorativa no vestíbulo do pavillón 3 da EPS, coa que se pon en valor «a figura e a pegada feminina na loita pola supervivencia do medio rural».

Tamén houbo unha lectura duns versos de Manuel María, a cargo da profesora Dolores Fernández Rodríguez, nos que o poeta considera «as mulleres galegas labregas, mariñeiras, artesás, obreiras, pasado, pobo, presente, alma e futuro de Galicia».

Ademais, participou a actriz do Corgo Benedicta Sánchez, galardoada cun Premio Goya pola súa participación na película de Oliver Laxe O que arde. Sánchez fixo un chamamento a «coidar a muller, que é o motor de Galicia», afirmou, e a súa presenza no Campus espertou unha grande expectación.

Pola súa banda, a subdirectora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero, lembrou que se trata dun «recoñecemento a todas as mulleres que durante tantos anos traballaron no campo, ían ao monte e ao mar, ao tempo que se ocupaban das cargas familiares e da subsistencia de fillos e fillas».

Desde o Campus de Lugo explican que as mulleres rurais acadan deste xeito unha visibilidade manifesta na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, «cuxas instalacións e dependencias máis senlleiras tamén renden homenaxe a diferentes persoas e personalidades que desenvolveron un papel destacado na innovación, o estudo, a divulgación e mesmo na defensa do agrarismo en Galicia, tal e como é o caso de Cruz Gallastegui Unamuno, Abel Bouhier ou, entre outros, Isaac Díaz Pardo».

Futuro laboral

O acto simbólico de recoñecemento da muller rural, un colectivo moitas veces invisible, serviu asemade para facer de novo un chamamento ás mozas galegas e de fóra de Galicia a orientar ou seu futuro universitario cara as enxeñarías.

«A presenza feminina nas aulas da EPS de Enxeñaría sitúase arredor do 27% do total da matrícula, unha porcentaxe lixeiramente superior á media estatal», comentou a profesora Rosa Romero, quen tamén matizou que «as rapazas acostuman a ter mellores rendementos académicos e, por riba, na actualidade tamén hai estudos que sinalan que os proxectos de emprendemento máis innovadores no medio rural tamén están promovidos por mulleres».