Galaxia actualiza unha obra sobre Carballo Calero

La Voz LUGO

LUGO

Publica unha nova edición dun libro da escritora lucense Carmen Blanco

14 mar 2020 . Actualizado a las 10:14 h.

A Editorial Galaxia publica unha nova edición do libro Conversas con Ricardo Carballo Calero, da escritora lucense Carmen Blanco. Trátase dunha nova edición que mostra unha revisión actualizada do texto cun prólogo introductorio da autora, así como algunhas imaxes que apoian o texto, co fin de achegar máis información sobre o autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas.

Entre os anos 1983 e 1984, Carmen Blanco fíxolle a Ricardo Carballo Calero unha longa entrevista, cuxas partes substanciais se publicaron en libro en 1989. Trinta anos despois da primeira edición, «a conversa segue a ser unha contribución esencial ao coñecemento da vida e da obra dunha das personalidades máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX», explican desde a editorial. Abórdanse nela algúns temas esenciais, como a biografía, a política, a formación intelectual, a crítica literaria, a lingüística, a poesía, a narrativa e o teatro. A través deles «vaise configurando a imaxe dunha personalidade enteiramente entregada ao ideal patriótico que constituíu o eixe da existencia a quen a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas», continúan.

Carmen Blanco é creadora e coordina, con Claudio Rodríguez Fer, Unión Libre e a Asociación para a dignificación das vítimas do fascismo. Publicou poesía, narrativa e ensaio nas obras Un mundo de mulleres, Lobo amor; Vermella con lobos, Atracción total; O contradiscurso das mulleres, Mulleres e independencia, Sexo e lugar, Feministas e libertarias e Letras lilas. Foi alumna de Carballo Calero no Colexio Fingoi e na USC, onde é profesora titular de Filoloxía Galega e Portuguesa, o mesmo do que Carballo foi primeiro profesor. Sobre el, publicou Carballo Calero: política e cultura e prologou os seus ensaios Umha voz na Galiza. Estudou a súa figura e a súa poesía en Nais, damas, prostitutas e feirantas.