Rafael Sánchez: «Atención Primaria enfróntase á falla de pediatras e de médicos de familia»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

Óscar Cela

O director de Atención Primaria do Sergas na provincia de Lugo fala das necesidades inmediatas, pero tamén dos logros acadados nos últimos anos

01 mar 2020 . Actualizado a las 19:06 h.

En Atención Primaria e na provincia de Lugo fixéronse case catro millóns de consultas o ano pasado. Os lucenses van unha media de oito veces anuais ao seu médico de cabeceira e atendéronse máis de 207.000 urxencias nos Puntos de Atención Continuada (PAC) da provincia. O director de Atención Primaria do Sergas na provincia de Lugo, Rafael Sánchez Fernández, fai balance do último ano e fala das necesidades máis inmediatas.

—Hai un ano que se implementou o Plan Galego de Atención Primaria, cal é o balance?

—O plan contén unha serie de medidas a curto prazo que xa están en marcha ou implantadas.

—Cales son as necesidades da Atención Primaria?

—A Atención Primaria ten dous grandes problemas: a falta de profesionais, especialmente de médicos de familia e pediatras. E tamén en enfermería hai problemas en épocas vacacionais como Semana Santa. O segundo problema é a sobredemanda, o número de pacientes que acoden ao centro de saúde sen ter cita. Esta última cuestión trátase no plan.

—As necesidades son particulares de cada centro

—Si, e hai cousas feitas, pero queremos mirar centro por centro, porque non é o mesmo un que ten catro que outro que ten vinte, a sobredemanda é diferente.

—Como se mellorou o servizo?

—Creáronse dúas prazas de médicos e oito de enfermaría, ademais doutras categorías como fisioterapia.

—Cal é o número de pacientes por xornada que atenderon os profesionais de Atención Primaria?

—É variable, depende do centro. Nos urbanos e periurbanos a demanda é máis alta, e tamén a carga de traballo. Nos rurais depende, pero en xeral aumentou menos.

—Hai dous plans para a Atención Primaria.

—Aquí hai dous plans: o Sergas puxo en marcha o Plan Galego de Atención Primaria 2019/2021, fixéronse unha serie de grupos de traballo con todas as categorías profesionais de Atención Primaria. É un plan que intenta buscar melloras a corto, medio e largo prazo. A maiores, o Sergas buscou un grupo de expertos externos. De aí saíu un plan de Atención Primaria vertebradora. Este fala dun cambio de modelo, os servizos de Atención Primaria poden intentar autoxestionarse. O aumento de demanda nos centros de saúde está relacionado co envellecemento da poboación e a cronicidade.

—As necesidades son particulares dos centros.

—Esa Atención Primaria Vertebradora pivotaría sobre un plan de saúde local de cada servizo de Atención Primaria.

—Fáleme de problemas na provincia.

—O problema que temos sobre todo en Lugo é que nos centros de saúde, case o 60% dos médicos son maiores de 55 anos, polo que en dez anos haberá moitas xubilacións que non temos forma de repoñer. A primeira demanda que temos é poder ter médicos para poder facer as substitucións. A segunda é a cantidade de pacientes que teñen os médicos.

—Aquí entra en escena a importancia de traballar en equipo.

—Hai que buscar a implicación de todos os profesionais. É moi importante o persoal sanitario, a enfermería de primeiro nivel, como tamén o é implicar aos farmacéuticos de Atención Primaria e incluso aos odontólogos. Se un paciente reclama, por exemplo, unha cita administrativa, isto é algo que se pode xestionar dende o persoal sanitario, non fai falla que pase pola consulta.

—Hai fuga de profesionais que podería incidir na falla de pediatras e médicos de familia?

—A miña opinión é que non. No caso de Pediatría a falta é máis grave e hai que matizar que a formación vale para traballar no hospital ou nun centro de Atención Primaria, polo que o médico pode elixir onde exercer. É un problema intrínseco da especialidade. Os médicos de familia tamén poden traballar en varios sitios, pero o problema de pediatría é máis agónico porque non hai pediatras e é moi difícil facer a reposición. Nesta área sanitaria teño catro vacantes sen dar, quen queira, pode ter unha larga duración cun contrato de interinidade. Aos residentes que rematan cada ano ofértanselle bos contratos, polo que non teño a sensación de que a xente se vaia fóra.

—Melloraron os contratos?

—Os contratos melloráronse moito. O Sergas puxo en marcha o contrato de continuidade dun ano, renovable aos outros dous, para médicos e para enfermeiras.

—A atención nos PAC fai que baixe a saturación de Urxencias?

—A atencións nos PAC aumentou nos último anos sobre un 5%, pero os centros de Atención Primaria tamén experimentaron unha subida. Aínda que Atención Primaria sempre é o primeiro dispositivo, a xente pode decidir ir a Urxencias, onde os pacientes seguen aumentando. Se todos fixeramos ben as cousas, primeiro o paciente iría ao médico, e si é fora deste horario, ao PAC, onde médico e enfermeira deciden si derivar ao paciente ao hospital ou non.

—Cal é a resolución nos PAC e nos centros de Atención Primaria?

—En Atención Primaria e nos PAC a resolución está por riba dun 92%. É dicir, de cada 100 pacientes, 92 aténdense en Atención Primaria e só hai que derivar oito ao hospital.

—A saturación das Urxencias é tamén un problema que ten que ver coa educación sanitaria

—E este é un grave problema que afecta a moitas cousas. Sería moi bo que na escola se falase de educación sanitaria, tal e como se fai noutros países, para que así mellore a atención nos distintos servizos.