Xa non quedan casas con intrusos no barrio, pero os veciños asumiron o papel de vixías para evitar novos sustos

lorena garcía calvo
lorena.garcia@lavoz.es

O barrio de As Gándaras é como unha aldea anexa á cidade de Lugo. Un lugar no que abundan casas de planta baixa, hortas e prados e no que case todo o mundo se coñece polo seu nome. Os veciños son xente traballadora e tranquila que dun ano para aquí asumiron, dalgún xeito, a responsabilidade de ser vixiantes do barrio. Baixo ningún concepto queren volver pasar polo calvario que sufriron nos primeiros meses do 2019, cando toda a veciñanza tivo que botarse á rúa para loitar contra a okupación de vivendas.

«A xente está susceptible, se un coche descoñecido dá tres voltas pola zona, os veciños xa o controlan», explica Jaime Gueimonde, presidente da asociación veciñal Gatos Roxos e un dos moitos lucenses que se manifestou domingo tras domingo durante cerca de dous meses.

No barrio chegaron a estar okupadas ata seis vivendas ao mesmo tempo e dúas quedaron en intentos pola presión veciñal. «A gota que colmara o vaso fora cando entraron na casa de Pilar», lembra un veciño, «tres mulleres con tres nenos accederon á vivenda na que entón os propietarios só estaban algúns días, rebentaron a porta e puxéronlle unhas cadeas por dentro. Tapiaran as fiestras cos mobles do interior e levaran candelabros e obxectos dese tipo. Todo pasou en cuestión de tres horas».

ALBERTO LÓPEZ

Unha rápida chamada á policía e a unión dos veciños fixo que a okupación se abortara esa mesma madrugada, pero o caso serviu de espoleta para a veciñanza, que farta de ver cómo se apropiaban das súas vivendas, comezaron a saír ás rúas. A facer ruído.

Cada domingo, durante arredor de dous meses, xentes de todas as ideades, megófano en man, collían as pancartas e percorrían o barrio parándose diante das vivendas okupadas. Esa presión pacífica pero intensa foi medrando, os medios déronlles voz e os okupas acabaron abandonando as casas. Nalgún caso, supostamente, con cartos polo medio.

«A presión da xente fixo que se foran. Nós o único que podemos facer é ruído, só temos o dereito do pataleo, e foi o que fixemos», resígnase Jaime, que en apenas cinco minutos é capaz de enumerar un bo puñado de historias de dor. A dun veciño ao que lle pediron 3.000 euros, conseguiu botar aos okupas e curiosamente ao día seguinte a súa vivenda ardera. A do okupa que se sentou diante da vivenda sentado nunha cadeira e se dedicaba a saudar á veciñanza, como se fora o dono do lugar; ou a do propietario que foi sancionado debido a que os ocupantes colocaron nun muro cristais rotos, algo prohibido por lei. «É moi duro», sentencia Jaime. Porque tras cada historia se agochan noites sen durmir, bágoas e medos.

Terreo propicio

«Aquí non volven entrar», sentencia unha veciña apostada na fiestra da súa casa. Saíu a ver quen andaba por fóra do seu fogar alertada polos ladridos do can. Esa comprobación convértese en recorrente en todo o barrio. En canto ven a un descoñecido preto dalgunha das vivendas abandonadas ou tapiadas, lanzan un: «logo, vós que estades facendo?».

A sensibilidade segue a flor de pel a pesar de que xa se cumpriu un ano das okupacións. Ninguén nas Gándaras está disposto a que volvan entrar nas casas da zona e uns e outros actúan como vixías de a pé. Porque son conscientes de que o seu barrio é territorio delicado. «Hai moitas casas que quedaron baleiras porque eran de xente maior e os herdeiros non as atenden», contextualiza Jaime.

ALBERTO LÓPEZ

Esa alerta constante non é a única medida que adoptaron os veciños. Moitos optaron por tapiar portas e fiestras na vivendas abandonadas e hai quen instalou alarmas incluso en casas deshabitadas. Ninguén quere pasar polo mal trago de atoparse o panorama desolador que as okupacións deixan tras de si. Mobles desfeitos, fogueiras no interior, portas e fiestras desfeitas.

O pesadelo en As Gándaras rematou hai un ano e ninguén quere volver pasar por el, a pesar de que hai quen non as ten todas consigo. «Acabarán volvendo», resígnase Jaime. Pero cando o fagan, avisa, o barrio estará preparado para saír á rúa.

Un intento abortado hai un par de meses e certo temor no Sagrado Corazón

Un ano despois de que os veciños de As Gándaras tiveran que saír á rúa a presionar para que os intrusos abandonasen as vivendas, no barrio celebran que xa non queden casas okupadas. Iso, a pesar que hai un par de meses tiveron un pequeno susto.

A carón da capela do barrio, nunha casiña baleira de planta baixa, dúas parellas de mozos novos accederon á vivenda. Rapidamente avisáronse entre os veciños e á Policía Local, que acudiu ata o lugar e pediu os datos aos okupas. Estes colleron medo e marcharon.

ALBERTO LÓPEZ

Neste caso, tratábase duns rapaces novos aos que frearon con certa facilidade, pero non sempre se dá esa situación. «Quen okupa, xeralmente, sábeas todas», conta Jaime Gueimonde, que recoñece que a situación é complexa. «A nós parécenos moi triste que teña que ser a xente a que se mobilice para defender o que é seu, que a lei non favoreza máis a quen ten a propiedade. Nós o único que queremos é que o barrio siga mellorando e estando tranquilo».

En As Gándaras respiran tranquilos, pero o que comentan no barrio é que o problema puido desprazarse ao Sagrado Corazón. Apuntan que xa teñen referencia de que se rexistraron tentativas de okupación e temen que no futuro outros veciños tomen o seu triste relevo.