Oito empresas lucenses apoian un proxecto da USC de inclusión laboral de persoas discapacitadas

La Voz LUGO

LUGO

Carlos Castro

21 feb 2020 . Actualizado a las 09:51 h.

O proxecto Edison, unha iniciativa de micromecenado promovida pola Aula TIC-Pemes (ATP) da USC co obxecto de proporcionar formación universitaria a persoas con discapacidade orientada á adquisición de habilidades sociais e persoais para acceder a un posto de traballo de calidade, bota a andar o mércores 26 de febreiro na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, grazas á implicación e ao respaldo económico de oito empresas.

O obxectivo é o de facilitar ao alumnado unha experiencia vital integradora e inclusiva que permita o seu desenvolvemento persoal e profesional. A empregabilidade e a inserción laboral de persoas vulnerables ou en risco de exclusión social a través da formación, constitúe a pretensión do proxecto Edison, sinala a profesora da USC responsable da Aula TIC-Pemes, Ángeles López Cabarcos.

O proxecto defínese como un curso de perfeccionamento para o desenvolvemento de habilidades empresariais cuxos eixos básicos son a inclusión, a integración, a formación e a empregabilidade. Esta acción, desenvolvida en colaboración con Cogami, está estruturada en cinco meses de formación de carácter teórico e práctico. Os alumnos deste programa contarán coa titoría dos profesores universitarios que se ocuparán da formación teórica ao longo de tres meses. Logo, os beneficiarios completarán unha estadía profesional de dous meses en diversos departamentos das empresas adheridas a esta iniciativa e que, ademais de asumir os custos da matrícula de cada participante, desenvolverán labores de apadriñamento profesional nas súas respectivas sedes e instalacións.

Cabarcos salienta o carácter social do proxecto Edison, ao tempo que fai fincapé na especial sensibilidade amosada por Arenal, Lactalis, Candelas, Caixa Rural Lugo, Dmanan, Tableros Hispanos, Seguros Senoroeste ou o Colexio Oficial de Economistas de Lugo, as primeiras oito empresas e entidades que optaron por avalar esta primeira convocatoria dun proxecto que aspira a ter continuidade no tempo.