Leche Río e a USC deseñan novos alimentos saudables

LUGO

O grupo empresarial lucense e a Aula de Produtos Lácteos colaboran para desenvolver lácteos funcionais cos que sumar valor engadido á produción leiteira de Galicia

07 feb 2020 . Actualizado a las 14:02 h.

Leche Río e a USC deseñarán novos alimentos saudables. O grupo empresarial lucense e a Aula de Productos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC (APLTA) colaborarán no deseño e desenvolvemento de novos lácteos funcionais que acheguen beneficios para a saúde dos consumidores e que permitan sumar valor engadido á produción leiteira de Galicia. 

A presidenta do Grupo Leche Río, Mª Carmen Lence, participou nunha xornada de traballo nas novas instalacións da APLTA, en Montirón, e avanzou os proxectos do grupo empresarial que dirixe e que nos últimos anos se ten consolidado como a principal comprador de leite en Galicia. Lence lembrou que xa seu pai, Jesús Lence, desnvolvera no Campus algunhas liñas de traballo, como os «Río Frutas», bebidas elaboradas a base de zume natural e leite.

De cara ao futuro, Carmen Lence avanzou que Leche Río pretende crear e desenvolver novos produtos funcionais, acaídos para dar resposta ás novas demandas do mercado: «Queremos facer unha aposta clara por alimentos funcionais que incorporen novos beneficios para a saúde dos consumidores, a maiores das propiedades do leite». A potenciación e posta en valor da calidade do leite producido nesta rexión constitúe outro dos obxectivos prioritarios de Carmen Lence, quen entende que a marca Galicia, reforzada neste caso por un grupo empresarial de capital galego e polo prestixio da USC, constitúe un activo importante á hora de acceder aos mercados, segundo explicaron desde o Campus.

Á espera de definir liñas de acción concretas, a presidenta do Consello de Administración do Grupo Leche Río resaltou as múltiples posibilidades técnicas e tecnolóxicas que ofrece a Aula de Produtos Lácteos ás industrias do sector, a expensas do seu tamaño ou actividade: «Hai moitos e moi diversos campos nos que é posible a colaboración coa APLTA. Hoxe vimos aquí cunha ‘lista da compra' moi ampla e estou convencida de que os resultados van ser moi positivos», destacou.

Lence estivo acompañada, nesta xornada de traballo, pola vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; a adxunta á citada Vicerreitoría para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera; o vicexerente do Campus de Lugo, Emilio Martínez Rivas, ademais de diversos técnicos e responsables da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias.