Música, teatro e pinchos nas Nogais con fins solidarios

Laura López LA VOZ

LUGO

A Asociación Cultural Abrente organiza un festival solidario para o sábado 8

01 feb 2020 . Actualizado a las 19:54 h.

Sábado 8 • 19.00 horas • Centro sociocultural de As Nogais • Entrega de donacións ao Banco de Alimentos de Lugo • 

Música, teatro, pinchos e outras sorpresas encherán As Nogais o próximo sábado con fins solidarios. E todo grazas á Asociación Cultural Abrente, das Nogais, que organiza o seu IV Festival Solidario. «Fai catro anos que este grupo de baile e música tradicional, o cal loita día a día por conservar a vida e os costumes do rural, decidiu ir un paso máis aló e fundirse no mundo do teatro. E non soamente iso, xa que son moitos os proxectos que este ano acompañan a representación cun par de pezas teatrais», explican desde o colectivo.

 

Os músicos e percusionistas da asociación darán comezo ao acto tocando tres pezas musicais que anteceden á primeira das obras de teatro, Queremos medrar, interpretada polos máis pequenos do grupo. Despois, introducida polas voces cantareiras do grupo, terá lugar a representación de As goteiras do tío Ripias, protagonizada por dous obreiros que se dispoñen a reparar unha casa e soamente conseguen facer máis goteiras. Xa cara ao final, coa intención que arrincar as risas do público, chega unha última obra ambientada nos pobos das Nogais, O aeroporto da Valiña, sobre a construción dun aeroporto nun monte veciñal.

 

 

 

E máis aló de divertirse, Abrente contemplou a idea de recoller alimentos para «contribuír así a facer algo menos inxusta a vida de aqueles que se enfrontan ás máis duras condicións de vida. Dado que toda axuda será ben recibida, este é outro dos motivos para acudir á vila das Nogais neste mes de febreiro».

Sinalan tamén que este «non é soamente un festival de teatro e música, é o traballo de varios meses nos que pouco a pouco se foron sacando adiante varias ideas».