Cando a gran vía de Vilalba se enchía de verdade durante os días de festa

XOSÉ ANTÓN POMBO

LUGO

CEDIDA

A rúa da Pravia foi lugar de paseo en ocasións sinaladas como eran as xornadas centrais do San Ramón

26 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquela mañá do San Ramón de 1959 a actual rúa da Pravia de Vilalba presentaba un aspecto alegre. O día era luminoso e a temperatura agradable. As lámpadas do alumeado público centradas na rúa reforzáranse con artística iluminación. As casas demostraban que en cen anos o centro económico, e polo tanto social, da vila quedara establecido onde antes só había hortas.

As inauguracións das estradas de Ferrol á ponte de Rábade en 1860, a de Baamonde en 1881 e o novo campo da feira dese mesmo ano, fixeran o milagre da prosperidade económico-mercantil da Vila.

A xente coas mellores galas e a calma do andar indicaba que era tempo de lecer, de observar quen viñera, de ser visto polos que chegaban e de exercer a arte da conversa calma e intranscendente con veciñanza e amizades.

Chama a atención que nas beirarrúas (0,70 metros máis anchas ca as actuais) se concentrase tal cantidade de viandantes que grupos deles debían ocupar a calzada, libre de vehículos.

A sombra dos edificios e a época do ano infórmannos de que sería a hora do aperitivo, despois da procesión, tal como confirma o grupo de homes, parella de gardas civís e axente municipal incluídos, que se concentran diante da confeitería-bar El Progreso e no café-bar A Vizcaína.

Na outra beirarrúa unhas mulleres gárdanse do sol baixo o toldo da casa Anduriña. E se o paciente lector quixese fixarse máis vería que un grupo de tres home pasea pola calzada falando de negocios. Recoñecemos neles a Cándido Picos, casado coa vilalbesa Mª Esther Eimil, que fixo fortuna nos almacéns El Encanto da Habana predecesores de El Corte Inglés; tamén a Pedro Fernández, Toxeiro, rico comerciante do ramo das ferraxerías, e a Eugenio Eimil, sogro do primeiro.

E se aínda nos fixamos algo máis podemos distinguir a Chelo, antigo empregado da banca e destacado futbolista do Racing Vilalbés nos anos mozos, falando con Benigno Grandío.

 Sol

Dous anos despois, 1961, outro día de festa tamén enche as beirarrúas de vilalbeses e forasteiros. O mediodía soleado de verán convida ao paseo. Tres motos, un turismo e un camión, todos estacionados, son os únicos ocupantes dunha calzada libre de obstáculos e paseantes. O garda municipal, en privilexiada situación cabo dun surtidor de gasolina, parece vixiar que a estrada estea expedita.

O garda civil asoma por se aparece alguén vindo de Lugo, Rábade ou Baamonde. Os mesmos locais onde degustar aperitivos estaban presentes se ben é certo que a casa onde se emprazaba o café-bar A Vizcaína fora construída de novo en breve tempo e onde antes había unha casa dun piso de non moita altura deu paso a un edificio de baixo e tres andares de maiores dimensións.

Da imaxe desapareceron os farois do alumeado público e non hai luces que adornen festas.

 Circulación prohibida

Moitos anos despois, no Aninovo de 2020, a imaxe da estrada ou rúa, agora chamada da Pravia, presenta un aspecto é ben distinto. Uns valados metálicos indican que a circulación de vehículos está prohibida. Xa non quedan aqueles cafés-bares onde degustar o aperitivo. Os contedores de lixo, un cartel que convida a mercar na vila e a vella cabina telefónica son mudas testemuñas da soidade do lugar. Non hai coches nin motos. Só unha parella de viandantes parece desafiar o frío do mediodía que chega co Cecias, ese nordés que atravesa a rúa deixando libres os espazos para vendedores, e poida que para compradores, de non se sabe que. O milagre da prosperidade económico- mercantil poida que marche co vento.

XOSÉ ANTÓN POMBO