Non queremos caciques na caza

Fernando Rois PRESIDENTE DA ASOC. GALEGA DE TECORES

LUGO

16 ene 2020 . Actualizado a las 08:12 h.

Entereime onte que Víctor García xa non era o xefe do servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente en Lugo. Din que renunciou, pero sei que é un cese encuberto. Víctor é un funcionario honrado, competente e persoa apreciada e respectada polos compañeiros e cidadáns. Un profesional con ética e calidade humana.

Parece que isto molestaba a algúns, habituados a incumprir a lei e presionar ós funcionarios para conseguir o que queren. Con Víctor isto non se podía facer: el atendíate sempre, explicábache todo con claridade pero se incumprías a norma, parábache os pés. Iso é o que tiñan que facer os funcionarios: traballar para os cidadáns e aplicar a lei. Parece que hai colectivos de cazadores con dereito de pernada que están por encima da lei gracias á actitude servil da Administración. E digo servil porque ninguén: xefa territorial, delegado territorial, directora xeral ou conselleira pode permitir este ataque a un funcionario honrado.

Por que se ten que ir Víctor? Porque molesta a algún grupo de cazadores ao que se lle esixiu o cumprimento da lei, como a todos os cidadáns? Ou vaise porque no seu posto hai que poñer a algún amigo para pagarlle favores por firmar todo o que os amiguetes de turno queren? É venganza dun grupo de cazadores en caída libre ou é un pago de favores vergonzoso? Isto é unha cacicada.

En Lugo tiñamos sorte e Medio Ambiente funcionaba moi ben, con seriedade, rigor e atención directa sen citas previas. ¿A que se debe este cambio inxusto e inexplicable? ¿Por que cando as cousas funcionan se teñen que cambiar? Que interese hai? Quen forzou que Víctor se tivera que ir?

Eu represento os tecores de toda Galicia e temos o aval de 40.000 veciños. Con esta lexitimidade numérica e moral, esiximos que Víctor García sexa restituido. E que cesen as cacicadas e se respecte a funcionarios e cidadáns.

Señora Conselleira, estivemos con vostede e parece persoa comprometida. Non deixe que xente que ten arredor aí en Santiago enturbie a súa xestión. Non crea o que lle contan. Fale coas provincias. Pregunte aos funcionarios. Non poña a súa xestión en mans de quen tanto a está perxudicando.

Por certo, levamos tempo esperando que nos reciba a directora xeral de Patrimonio Natural pero parece moi ocupada defendendo a quen incumpre a lei e abandonando a quen a cumpre. Conselleira, non queremos cacicadas senón xente válida. En Santiago e en Lugo. Así imos mal.