Especial lotería


As vacacións son sempre tempo tranquilo, especialmente en política, xa que os que poden -e os políticos son exemplo de poder- esquecen traballos e dedícanse ao repouso.

Excepción foi este cambio de ano, xa que a clase política viviu momentos de tensión, con durísimas palabras e actitudes, que culminaron na elección de Pedro Sánchez como presidente do primeiro Goberno de coalición da democracia.

Tiña este Goberno tan mala imaxe previa, tal febleza e inseguridade, que máis parecía chalaneo entre tratantes das nosas feiras antigas, que sabían moito de regateo, ca diálogo de xentes cultas e responsables que aspiran a mellorar, gobernando, o país.

Agora, con nutrido Goberno, o conxunto non é xa un puñado de arribistas que aspiran a colocarse e colocar aos seus, senón que conforman o órgano da gobernabilidade do Estado, asesorados por funcionarios altamente cualificados, apoiados polas forzas da orde, e arroupados por todos nós, aos que, aínda que custe traballo asumilo, nos representan nas súas altísimas funcións.

Cuestionado desde os primeiros segundos, agardemos que este Goberno consiga, ademais de cumprir os compromisos establecidos -música celestial na que Galicia ten lugar de honra-, camiñar con paso firme os seus primeiros cen días, aprobar os Presupostos, subir as pensións… Conquistarnos, en fin, de paso que se afianza.

Se isto funciona, o BNG teranos demostrado que lle tocou o gordo dunha lotería na que todos xogamos, aínda que non entendamos as regras nin nos guste o xogo. Pero, tamén en política, o que vale son os resultados.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Tags
BNG
Comentarios

Especial lotería