«Imos espertando, pero aínda hai nenas que cren no amor romántico»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

PLATAFORMA FEMINISTA DE LUGO: DE IZQUIERDA A DERECHA ELVIRA LOMBAO, ANA TORRON, ESTRELLA RAMIL
PLATAFORMA FEMINISTA DE LUGO: DE IZQUIERDA A DERECHA ELVIRA LOMBAO, ANA TORRON, ESTRELLA RAMIL OSCAR CELA

A Plataforma Feminista de Lugo leva cinco anos loitando a través de iniciativas que fomentan a igualdade

14 ene 2020 . Actualizado a las 12:43 h.

A Plataforma Feminista de Lugo fixo historia. Apareceu hai uns cinco anos, pero as mulleres que forman parte desta asociación seguen o legado da asociación proaborto da cidade. Foron moitas as que loitaron dende a invisibilidade polos dereitos e atacaron ao patriarcado para alcanzar a igualdade de xénero en todos os campos da vida. «Feministas xa eran elas, pero esta é unha evolución do traballo que fixeron moitas mulleres comprometidas co feminismo», contan.

Ana Torrón, Elvira Lombao e Estrella Ramil son algunhas das mulleres que están detrás da plataforma. Reúnense no centro social Madia Leva, na rúa Ancares, e dan a benvida a todas aquelas persoas maiores de 18 anos que sexan mulleres ou que se sintan como tales. Na plataforma hai xente de todas as correntes e lugares, e tamén de tódalas idades. Porque o feminismo é algo que non entende de números nin de intereses. Entende de xustiza, de sororidade e de linguaxe inclusiva. Ana, Elvira e Estrella son o relevo do traballo de moitas mulleres, que tiñan claro que polos dereitos hai que loitar e que as inxustizas deben ser denunciadas. «Autofinanciámonos e recibimos doazóns. Quen queira pode recoller algúns obxectos que hai no Madia Leva e deixar a súa contribución», explican. Non reciben subvencións porque tampouco as queren. Decláranse autónomas e independentes porque cren que o espazo do feminismo debe ser así por natureza.

As mulleres da plataforma reúnense unha vez ao mes, sen ter nada predeterminado sobre o papel. Sentadas na mesa, os temas xorden e flúen, e sacan así as súas propias conclusións. Comezan entón accións de denuncia e iniciativas solidarias que pretenden conferir ao feminismo a voz que durante moitos séculos lle foi roubada.

Concienciación e denuncia

As mulleres da plataforma loitan pola concienciación social, base tamén do feminismo que busca a xustiza na rúa. Elas son apartidistas, diversas e diferentes. Tamén pretenden denunciar, e crear tecidos con outras asociacións de mulleres. É tal a súa compenetración, que todo o falan antes de levalo á práctica. Para todo se poñen de acordo e todo sae do diálogo e da empatía.

«O feminismo está espertando porque cada vez hai máis xente na rúa. O 25N do 2019 foi impresionante. A xente nova estalle tomando o pulso a isto e por iso temos moita esperanza. A xuventude non sabe o que se lle ven enriba porque aínda non é dona da súa realidade. Hai moitas rapazas que aínda cren no amor romántico», explica Ana. Por isto que conta é necesario loitar contra os estereotipos e tamén falar da importancia da linguaxe inclusiva, que non deixa fóra a ninguén. «Pasan media vida desfacéndonos cunha educación mala e despois pasamos media vida desconstruíndonos», explican estas mulleres, que saben ben que os homes, en materia feminista, aínda viven noutra galaxia de comodidade e «nadando no patriarcado». Pero eles tamén saben que o feminismo é razoable e que a cuestión non é ser ou non feministas: trátase de ser humanos porque «ningún home que non é feminista pode ser unha boa persoa».

Estrella sabe ben que o tratamento dos medios de comunicación sobre os feminicidios deixa moito que desexar. «Fan máis dano do que axudan e tratan un tema así coma se fose algo normal, un suceso máis». Elvira coincide ao dicir que palabras como a de feminicidio deben empregarse máis a miúdo ao ser as que mellor describen unha realidade que fai sangrar un país enteiro. Falar con propiedade é importante e tamén indispensable. Ana explica que son os medios de comunicacións os que moitas veces poñen o foco na vítima. Tamén se fai fincapé na súa nacionalidade, e non noutros datos máis necesarios. Por iso a responsabilidade debe chegar canto antes, como resultado da loita contra unha educación patriarcal, e tamén os códigos éticos á hora de informar dos feminicidios.

Educación patriarcal

«A educación é algo básico e as crianzas non teñen referentes. Nas escolas fálase en masculino e non se explica nada sobre as mulleres que destacaron en ciencia ou matemáticas. A igualdade debe ser algo transversal e os nenos deben ser criados en igualdade, por iso é moi importante que se conte cos pais e cas nais», explica Elvira.