Música, maxia e regalos darán vida o mércores 18 ao tradicional Festival de Nadal da Milagrosa

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

ÓSCAR CELA

Trátase dunha iniciativa solidaria que se celebrará no auditorio Gustavo Freire

17 dic 2019 . Actualizado a las 12:37 h.

Mércores 18 • 19.15 horas • Auditorio Municipal Gustavo Freire (Lugo) • Entradas: 5 euros (adultos) e 1 euro (infantil) • 

Volve ao barrio da Milagrosa un clásico do Nadal e da solidariedade: o XXVII Festival de Nadal da Milagrosa, que organiza a Asociación de Veciños da Milagrosa, que preside Valentín Arias, coa colaboración do Concello e de Abanca. Será o mércores 18 pola tarde no auditorio Gustavo Freire, e o que se recade irá destinado a Cáritas Parroquial. Trátase dunha cita lúdica que pretende, ademais, servir como encontro veciñal, sen esquecer o citado fin benéfico.

O festival contará coa actuación dos alumnos do Colexio Cervantes, que porán en escena o musical Coco; o Colexio Salesianos, que interpretarán baile galego; e haberá maxia interactiva co Mago Lamas, Mago Magic Owy e Mago Iago, un monfortino de 6 anos que xa actuou noutros festivais e en Luar.

O programa tamén recolle exhibicións de zumba, a cargo do ximnasio Altafit Gym Club; música e danza galega por Cantigas e Frores, e exhibición de bailes de salón da man de Academia Baile Ritmo.

Sorteos

A maiores, sortearanse entre os asistentes dúas cestas de Nadal, cedidas por Eroski Center e Supermercados Froiz, e dúas mantas de viaxe, doadas por Oriente Decoración.