Ramón Villares e Paco Martín, distinguidos co Premio Otero Pedrayo

La Voz LUGO

LUGO

O xurado, conformado pola Xunta, as catro deputacións, as tres universidades, a RAG, o Instituto Padre Sarmiento e a Fundación Otero Pedrayo, acordou por unanimidade outorgar o galardón ao historiador chairego e ao escritor lucense

14 dic 2019 . Actualizado a las 12:39 h.

O historiador chairego Ramón Villares e o escritor lucense Paco Martín acaban de ser distinguidos ex aequo co Premio Otero Pedrayo 2019. O xurado, do que forman parte a Xunta, as catro deputacións, as tres universidades, a RAG, o Instituto Padre Sarmiento e a Fundación Otero Pedrayo, tomou a decisión por unanimidade, trala reunión mantida onte á tarde na Deputación de Lugo, encargada de organizar esta edición do galardón. O Premio Otero Pedrayo recae en dúas persoas por segundo ano consecutivo, xa que no 2018 compartírono a pedagoga Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán.

A área de Cultura da Deputación de Lugo presentou a candidatura do escritor lucense,  mentras que a Deputación de Ourense e a Fundación Otero Pedrayo presentaron a do historiador chairego.  A Asociación Oral de Galicia, de Vigo, presentou a candidatura do filólogo e estudoso da literatura de tradición oral Domingo Blanco.

Os galardoados repartirán os 16.000 euros cos que está dotado o premio, que ten por obxecto recoñecer e homenaxear «persoas ou entidades egrexias no campo das letras e do coñecemento» e promocionar «os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e a mellora da súa cidadanía e institucións». Paco Martín e Ramón Villares recibirán o Premio Otero Pedrayo o vindeiro 20 de decembro no salón de actos da Deputación de Lugo.

O xurado está composto por representantes da Xunta de Galicia, das catro deputacións provinciais, das tres universidades, da Real Academia Galega, do Instituto Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lourenzo, e a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, exerceron como presidente e vicepresidenta do xurado.

Os premiados

Paco Martín é un dos autores de referencia da literatura infantil e xuvenil en galego, posición na que se situou coa publicación de «Das cousas de Ramón Lamote», título traducido a varios idiomas e polo que foi recoñecido internacionalmente.  A súa traxectoria na literatura foi parella á súa actividade como docente, na que destacou como promotor de movementos de renovación pedagóxica, como Nova Escola Galega, e da elaboración de materiais didácticos en galego.

Catedrático de Historia Contemporánea, Ramón Villares é autor de numerosas investigacións e publicacións de historia agraria, cultural e política, ademais dun recoñecido estudoso da obra de Otero Pedrayo. No 2006 ingresou na Real Academia Galega cun discurso arredor da traxectoria do escritor ourensán, que retomou recentemente co ensaio «Fuga e retorno de Adrián Solovio» (Galaxia, 2018). O historiador chairego, que foi reitor da Universidade de Santiago entre 1990 e 1994, ocupou a presidencia do Consello da Cultura Galega desde o 2006 ata o 2018.