A Deputación de Lugo aproba un plan de emprego xuvenil «para asentar poboación»

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO

Tamén aproba a concesión de 332 axudas para asociacións culturais

11 dic 2019 . Actualizado a las 18:39 h.

A xunta de goberna da Deputación aprobou este mércores as bases do plan de emprego xuvenil para fixar poboación «Prende! Bota raíces no rural» relativas á primeira fase de formación. O programa está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos de idade, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, e empadroados nos 58 concellos lucenses que teñen menos de 5.000 habitantes ou entre 5.000 e 10.000 cun saldo demográfico negativo na última década. En total será 60 os beneficiados.

Segundo informou a voceira socialista do goberno, Pilar García Porto, o prazo de inscrición abrirase a vindeira semana, logo da publicación das bases na Base de Datos Nacional de Subvencións en no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A Deputación informará do día exacto de inicio do prazo para presentar solicitudes, así como de todos os pasos se vaian dando dentro deste plan.

A selección dos mozos e mozas beneficiarias farase mediante unha Comisión de Valoración que estará composta por tres empregados públicos da Deputación. A avaliación farase en dúas fases: a primeira de acordo aos datos da documentación aportada (antigüidade de inscrición no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, idade e formación); e a segunda en base a unha entrevista persoal (actitude, idoneidade e motivación).

Despois desta primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada.

O plan Prende! Bota Raíces no Rural conta cun orzamento de case 300.000 euros está financiado ao 92% con fondos europeos.

Axudas culturais

Por outra parte, aprobouse a concesión de 332 axudas para asociacións culturais para a realización de actividades de interese cultural durante a anualidade 2019. Trátase de subvencións de concorrencia competitiva que benefician ao tecido asociativo de 54 concellos da provincia.

O programa esta dotado cun orzamento de 280.000 euros, que se divide entre as asociación baseándose en criterios como o grao de consolidación das actividades e o seu interese, pero tamén baremos sociais como o fomento da igualdade, a inclusión de persoas con capacidades diferentes ou o grao de dispersión territorial. As entidades reciben axudas que van desde os 400 ata os 1.300 euros.

Trátase dunha das liñas máis importantes para a dinamización do tecido cultural, pois entre as actividades subvencionadas atópanse festas populares, como o entroido, magostos e feiras; viaxes culturais, publicacións de libros e revistas; concertos, teatro, clases de música e manualidades, ou festivais con gran implantación na provincia como son o Festival da Chaira ou o Festival de Pardiñas.