Carta da alcaldesa ao conselleiro de Cultura

LUGO

07 dic 2019 . Actualizado a las 14:02 h.

ras a conversa mantida hai uns días, na que pospuxemos para unha seguinte conversación abordar a obriga adquirida pola Xunta de Galicia para a restauración do Cuartel de San Fernando como Museo da Romanización, e tras escoitar as túas declaracións onte no Parlamento, non oculto a miña preocupación, primeiro, polo futuro deste emblemático edificio, e segundo, porque as relacións entre ambas as dúas institucións para afrontar compromisos xa pechados sobre o futuro deste edificio municipal non se estean a canalizar directamente entre os responsables das institucións que acadaron o acordo, como somos Xunta e Concello de Lugo.

Sorpréndeme tamén que poñas en dúbida o enorme interese social para que o cuartel de San Fernando se converta na sede do Museo da Romanización, máxime porque, como primeiro responsable da área de Cultura de Galicia, tes que ser coñecedor non só da importancia que ten o feito de situar este edificio no corazón da mesma cidade romana senón da oportunidade que supón poder musealizar ‘in situ’ os restos romanos atopados nas devanditas instalacións

durante as distintas catas desenvolvidas.

Esta marabillosa coincidencia non só posibilitará unha mellor conservación e divulgación do noso patrimonio, senón que propiciará levar a cabo a investigación do noso pasado sobre o terreo, outras das funcións que tería o Museo da Romanización.

Que o interese é unánime tamén se reflicte nos acordos maioritarios da Corporación en favor desta actuación dos últimos anos e o posicionamento dos numerosos colectivos sociais e culturais que se xuntaron en plataformas, que representan á práctica totalidade do tecido asociativo de Lugo cuxa lexitimidade deberíamos respectar.

Até o de agora, só viñemos escoitando pola Xunta de Galicia críticas referidas a outras instalacións culturais municipais e evasivas dos responsables do Goberno galego para cumprir co compromiso acadado cos e coas lucenses. Onte escoitamos iso si, unha boa nova, que a Consellería quere traballar para que Lugo sexa un referente cultural, o que aplaudimos e, como non podía ser doutra maneira, tendo a man para poder traballar conxuntamente.

Por iso, e como xa che adiantei por teléfono, creo convinde manter unha reunión coa máxima brevidade posible para que ambas as dúas administracións poidamos dar pasos en firme para canalizar estes temas. A predisposición do meu Goberno é incuestionable, e consideraría un despropósito que a máxima responsable do executivo local poida coñecer polos medios de comunicación dos proxectos que a Xunta prevé desenvolver en Lugo e en edificios que son, a día de hoxe, propiedade deste Concello. Persoal da miña secretaría porase en contacto coa Consellería da que es responsable para poder pechar unha reunión de maneira inmediata.