Lugo Patrimonio lembra que houbo un acordo para crear un museo romano

O colectivo lucense pide a Concello e Deputación que reformen San Fernando trala negativa da Xunta


lugo / la voz

A raíz da recuperación do debate sobre a situación actual do Cuartel de San Fernando e o seu futuro uso, o colectivo Lugo Patrimonio quere recordar que asociacións representativas da actividade cultural na cidade fixeron unha petición o 8 de xuño do 2016 á alcaldesa e ao presidente da Deputación para que as dúas institucións se puxesen de acordo para comezar a rehabilitación do citado edificio, por fases, para destinalo a Museo Arqueolóxico Galaico Romano, ou en todo caso, ou no seu defecto, fixesen as xestións oportunas ante a Xunta para lograr aquel obxectivo.

Aquela petición, feita, sinalan pola falta de interese da actual Xunta en crear un museo da romanización no monumento BIO, foi refrendada por colectivos tan diversos como Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte Ramón Falcón, Grupo Fonmiñá, Orfeón Lucense; Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, Club Cultural Valle Inclán e a Asociación Abre la Muralla, ademais do propio Lugo Patrimonio.

Xornadas de debate

Posteriormente, sinalan, o 14 de outubro de 2016 Lugo Patrimonio organizou unha Xornada de Información e debate sobre a conservación e destino do Cuartel de San Fernando, «sendo as conclusións claras en canto ao destino do edificio para o Museo Arqueolóxico Galaico-romano, sen que, polo que se ve, o conselleiro de Cultura se dea por decatado do desexo manifestado por asociacións de recoñecida traxectoria ao longo de moitos anos en diversos eidos da cultura, encontrándose entre os asinantes do escrito e participantes na Xornada citada un exdelegado provincial e un exdirector xeral de Patrimonio, e dous directores de museos arqueolóxicos, persoas de recoñecido criterio».

Lugo Patrimonio lamenta «a incomprensible e inaceptable actitude do conselleiro de Cultura e Turismo con declaracións escasas de ambición e veracidade e propostas que ninguén lle demandou, co único fin de obviar así a súa responsabilidade e competencias e tratar de enmarañar e dividir á cidadanía para seguir demorando o incumprimento dun proxecto da súa Consellería».

Lembran que hai unha necesidade dun museo da romanización dentro da Rede de Patrimonio Arqueolóxico; «ante a falta de espazo para almacenar as pezas arqueolóxicas, non só atopadas na cidade senón tamén na provincia, tanto no Museo Provincial como no Museo do Castro de Viladonga, Concello e arqueólogos; sendo necesario un Museo Arqueolóxico que almacene, catalogue, restaure, estudie, divulgue e expoña os miles de pezas atopadas desde as primeiras escavación iniciadas en 1986».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Lugo Patrimonio lembra que houbo un acordo para crear un museo romano