Un lugar polo que non pasa o tempo

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

A Ferretería Robledo de Navia conserva intactos os obxectos que se vendían no lugar hai máis de vinte anos

25 nov 2019 . Actualizado a las 20:47 h.

Unhas fiestras con contras de madeira no centro de Navia de Suarna non chaman demasiado a atención despois dunha primeira ollada. Recordan a unha das tantas casas pechadas na Galicia interior e rural e ata se pode sentir mágoa ao observar a madeira. Que difícil é loitar contra a despoboación e máis aínda en lugares no que a atención dos presupostos chega baixo mínimos. Pero cando se abren as contras, aparece Mari Carmen Sánchez e, tras ela, unha ferretería que se coñecía como Robledo e pola que parece que non pasou o tempo. Hai 25 anos que pecharon as cerraduras definitivamente. Pero O que Arde non só amosou a beleza de Os Ancares e a dureza de ver o lume afogando aos montes galegos. Na preestrea, que foi en Navia hai algo máis dun mes, decenas de persoas achegáronse á antiga ferretería e, coma se dun milagre se tratase, en apenas uns segundos, visitantes e navegos tiveron a oportunidade de viaxar ao pasado sen mover os pés. Ese día tamén soaron os radiocasetes de Tito, aínda intactos. A xente de Navia regresou a un sitio que, aínda que estivo pechado, nunca desapareceu. Ao final, o que parece ser esquecido tamén está cheo de memorias e recordos.

A Ferretería Robledo pertenceu ós avós de Hortensio, o marido de Mari. Despois estivo un tío e o sitio tamén ofrecía servizo de funeraria. Estivo aberto máis de cen anos. Ao entrar, os zonchos colgan dunha barra de ferro. Sobresae as caixas de cravos, e tamén as hai con todo tipo de ferramenta. Pandeiretas, carozos das abellas, louza, cestos, lámpadas, pinturas, bacenillas, fociños, cepillos para cardar o liño, arandelas, peches balanzas, embudes, botellas de vidro... e moitos máis obxectos que servirían perfectamente para dar unha clase de historia. Tamén hai tixolas e ata unha balanza.

As palabras como valor

Ademais, Tito tiña claro que as palabras son importantes e usábaas como valor. A través dunha serie de letras que aínda perduran apuntadas con lapis en cada caixa, el sabía canto lle custara o que quería vender e así, indicaban tamén o prezo do mercado.

Na parte de atrás do local hai azulexos. Pero dos de antes, dos que había na cociña da casa da avoa. «Cada vez que entro, atopo cousas novas», confesa Mari.

A zona da esquerda era a da libraría. Vendían gomas, punteiros, recambios de pluma e tamén a tinta ca que escribir. No medio, cadernos cas táboas de multiplicar do ano 1963 emocionan a novos, pero tamén a maiores, que recuperan parte da infancia e volven á escola por uns intres.

Escaparates temáticos

Detrás das contras que, a miúdo están pechadas, hai un escaparate que Mari cambia cada temporada ca axuda dunha amiga. Varía de temática, ás veces está dedicado aos utensilios de cociña, outras aos zocos e incluso ás tixolas. Agora, Ferretería Robledo, ou Tito, tal e como o coñecían en Navia, abre as súas portas cando o pobo desprende vida e se enche de xente. «A xente maior emociónase moito ao entrar», conta Mari, que admite que moitos dos habitantes de Navia non sabían que o local se conservaba intacto, como nos seus mellores anos.

Tito deixou todo escrito. Levaba a contabilidade e estaba sempre na esquina esquerda do baixo. Tamén escoitaba a radio. Así o recorda Mari, que tomou a decisión de abrir as portas da ferretería e non de pechalas. Porque iso é o que precisa Navia. Dende o peche, da tenda só saíron algúns detalles para xente da vila.

Ao agardar dentro da ferretería durante uns intres, a xente que pasa pola rúa comeza a asomarse. Abren os ollos. Emociónanse. Crían que todo desaparecera. Pero o recordo do marido de Mari e de toda a familia permanece intacto. Isto tamén toma forma de homenaxe. «Aínda cheira a Tito», conta unha veciña. «Cos chancos que eu gastei de aquí cando era pequeno», engade outro veciño.