Olalla Rodil (BNG): «Na política non hai vontade por escoitar o que di o contrario»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

A parlamentaria do Bloque racha clixés na política galega e apela a que os galegos «non se resignen»

07 nov 2019 . Actualizado a las 13:22 h.

Olalla Rodil, cabeza de lista do BNG ao Congreso por Lugo, racha clixés. Ela mesma combate esa imaxe que desde as urbes e desde as esferas de poder económico e político se ten do rural, cheo de homes vellos e inmóbil ante os cambios que se están a producir no mundo. «Hai unha gran cantidade de xente nova, especialmente mulleres, con proxectos de futuro que manteñen unha Galicia viva pero por desgraza invisible, e eu quero dicir que hai esperanza, que non nos debemos resignar».

Ela mesma supera ese estereotipo e visión resignada que durante anos se instalou en Galicia, incluído no seo do nacionalismo. Con só 27 anos, desde un concello de apenas 600 habitantes como Ribeira de Piquín, chegou ao Parlamento galego para pór precisamente voz a esa Galicia viva, e ademais con dous condicionantes que a fan unha rara avis na política galega de primeira liña: muller nova e nacionalista. Rodil xa pertence a unha xeración de mulleres rachan o perfil de que non se pode acceder á política ata que teñen criados aos seus fillos ou logo de moitos anos demostrando que poden ser iguais o máis válidas que os homes. «É inxusto que teñamos que renunciar, pero na medida en que máis mulleres esteamos na vida pública esa situación mudará», explica esta lucense que leva metida en campañas electorais desde que se presentou con 22 anos á alcaldía de Ribeira de Piquín.

OSCAR CELA

En oito anos de procesos electorais xa vai anotando suficiente experiencia como desprenderse da timidez dos inicios e saber enfrontarse ante todo tipos de aforos, incluídos os menos favorables, ou ante situacións inesperadas: «Lembro no 2014 nun acto na Pobra do Brollón como nun momento do mitin levantouse unha persoa e deume unha bota de viño para que bebera. Eu non sabía que facer. Estaba Cosme Pombo, que xa tiña táboas, e soubo reaccionar (risas)».

Outro clixé que racha Rodil. Chegou ao BNG logo dun proceso de concienciación onde sinala que non tiveron tanto que ver os discursos de grandes popes do nacionalismo -«si tiven sempre presente a Castelao, Rosalía ou Manuel María»- como as circunstancias sociais que lle tocou vivir: «No instituto de Meira vivín os tempos contra a guerra de Iraq, a reforma educativa de Aznar e sobre todo o Prestige e o movemento Nunca Máis, que me fixeron un clic para asumir un compromiso e pasar á acción para deixar se queixarse».

Rodil desenvolve no Parlamento o traballo de vice voceira do BNG e forma parte das comisións de Lingua, Ensino, Cultura e Control da CRTVG. «Para min é unha honra ser parlamentaria», sinala, a pesar de que se viven tempos onde a política se desenvolve noutros foros: «Non hai vontade de escoitar o que di o contrario, boto de menos certa capacidade de análise, e menos política de pelexas e titulares. O parlamentarismo é diversidade, poñerse de acordo diferentes forzas, como acontece en Bélxica con cinco partidos no goberno, pero creo que agora no Estado PP e PSOE queren volver á alternancia do bipartidismo e sacar do medio ao soberanismo».

Esta muller firme e comprometida co nacionalismo galego, ata o punto de que recoñece que sacrifica a súa vida persoal e lle quita tempo para as súas afeccións, como o cine (seguidora de Bertolucci e González Iñárritu) ou a literatura (acaba de rematar Apocalipsis Z de Manel Loureiro), ten por despacho o seu coche, onde afirma que se vén arriba coa súa paixón musical, o estilo metallica.

O futuro de Rodil aínda está por escribir. «Cando entrei no BNG asumín un compromiso que non sabía onde me ía levar. Serei militante toda a vida, pero tamén hai un horizonte temporal porque formo parte dun proceso colectivo», explica a candidata do BNG por Lugo, que ten unha vantaxe para desenvolverse na política e nos medios. «A miña profesión de comunicadora axúdame a ser clara e pedagóxica na mensaxe», e por este motivo, polo menos ela, afirma que quere contribuír «a mellorar a calidade democrática, porque só así se poden facer políticas para resolver os problemas dos cidadáns. As ideoloxías están perseguidas e denostadas».

Ribeira de Piquín (1989)

Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo (campus de Pontevedra)

Militante do BNG desde os 18 anos. Candidata á alcaldía en Ribeira de Piquín no 2011. É parlamentaria por Lugo desde o 2016.

«No rural hai xente nova, especialmente mulleres, que manteñen unha Galicia viva e que debería visibilizarse. Hai esperanza»