O Club Clavicémbalo, candidato ao Premio do Público Culturgal

Compite co Festival dos Eidos, no Courel, e co Novos Cinemas de Pontevedra

Feira de ilustración San Printin no Clavicembalo
Feira de ilustración San Printin no Clavicembalo

O Club Clavicémbalo de Lugo opta ao Premio do Público Culturgal 2019. A sala lucense compite con outras dúas candidaturas: o Festival dos Eidos no Courel e o Novos Cinemas de Pontevedra. O público poderá escoller as súas preferencias culturais ata o día 19 a través da aplicación Easypromos.

Segundo explican desde Culturgal, a feira das industrias culturais que se celebrará en Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro, os seleccionados son tres proxectos «destacados e relevantes para a sociedade, vinculados á cultura galega». Desde Culturgal definen ao Clavicémbalo como «un oasis», como unha sala de concertos única e diferentes: «Que sala pode presumir dunha traxectoria de 33 anos? Si, o Clavi foi fundado no ano 1986 e desde agosto de 1995 atopou o seu espazo físico estable na rúa Paxariños 23. Alberto Grandío, propietario e alma do Clavi, tiña claro que para facer público había que ofrecer calidade. O Clavi é, sen medo a esaxerar, un templo de actividade cultural. Na feble engranaxe da industria musical en Galicia, as salas de concertos son as 'grandes empresas musicais', salvadoras do directo, mecenas dos artistas noveis e refuxios culturais nas cidades do século vinte e un. Antes do fenómeno dos festivais, as salas xa estaban aí», explican.

Do Festival dos Eidos, organizado en Parada do Courel pola Fundación Uxío Novoneyra, destacan que é «unha celebración da poesía, da natureza e das artes en xeral que vai medrando e espallando a súa actividade ao longo de todo o ano, ao redor da Fundación Uxío Novoneyra, casa natal do poeta que inmortalizou O Courel como territorio literario universal. O Festival dos Eidos celébrase no mes de agosto desde 2015 con 3 días de programación cultural de diferentes expresións artísticas ligadas á literatura: recitais, concertos, artes escénicas e do corpo, roteiros e visitas guiadas, obradoiros, actividades para rapazada e exposicións nos diferentes espazos, do interior e exterior da casa-museo de Novoneyra e o seu territorio íntimo».

E no que respecta ao festival internacional de Pontevedra Novos Cinemas, trátase dun evento que «pon o foco en traxectorias en cernes no mundo do cinema (...), con preto de 3.000 espectadores na súa última edición». Está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Club Clavicémbalo, candidato ao Premio do Público Culturgal