Pontón pide en Lugo concentrar o voto «de país, nacionalista, galeguista e de progreso» no BNG

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

Arroxo lembrou que cos votos das municipais a forza nacionalista obtería escano en Madrid

02 nov 2019 . Actualizado a las 13:47 h.

O BNG escolleu Lugo para celebrar o seu mitin central da xornada. Fíxoo no IES Lucus Augusti ante máis dun cento de persoas ás que expuxeron de primeira man as súas propostas para o 10-N. O tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo, abriu o encontro poñendo o acento na falta de infraestruturas e facendo un chamamento ao voto para que o BNG consiga algún dos catro escanos da circunscrición. «É difícil sacar representación pola provincia, pero cos votos que obtivemos nas municipais, non sacaríamos o cuarto, senón o terceiro», proclamou. «Hai cinco meses en Lugo suficientes persoas apostaron polo proxecto do BNG e se volven a facelo Galicia terá voz propia. É posible», subiñou.

Pilar Prieto, candidata dos nacionalistas ao Senado, debullou as demandas do BNG, comezando por un novo modelo de finanzamento cun concerto económico singular, pasando por políticas pensadas para o rural, para a poboación envellecida,e lembrando cuestións de plena actualidade como a electricidade, os seus custes e a repercusión na industria.

A candidata ao Congreso, Olalla Rodil, salientou a necesidade de converter «a irresponsabilidade das forzas estatais» que non foron quen de chegar a acordos en Madrid nunha «segunda oportunidade para recuperar a voz e ser protagonistas da nosa propia historia». Reclamou que os galegos deixen de ser espectadores da política estatal e se convertan en protagonistas, e para iso pediu o voto para o BNG, a única forza que considera que defenderá os intereses de Galicia no Congreso. Rodil puxo como exemplo a Arroxo «ao que tildaban de pailán» e que xunto cos seus compañeiros conseguiu, dixo, «darlle a volta á cidade e poñer Lugo a funcionar cun proxecto transformador», un camiño que confía en que o BNG poida emular influíndo nas políticas do estado.

A voceira nacional do Bloque, Ana Pontón, foi a encargada de pechar o acto no Lucus Augusti e fíxoo pedindo que se concentrase no BNG «todo o voto de país, nacionalista, galeguista e de progreso para avanzar e por dignidade». A parlamentaria subliñou que xa estaba ben de que tomasen aos galegos «polo pito do sereno» e fixo un repaso a PP e PSOE en canto ás súas aportacións á provincia. Lembrou que Ana Pastor, que estes días reclama a chegada do AVE, foi ministra de Fomento . «Tamén paralizou a autovía Santiago-Lugo», lembrou, e cargou tamén pola modernización do ferrocarril. 

Tamén tivo palabras para os socialistas. «Abel Caballero prometu o AVE no 1998, Magalena Álvarez no 2011, 2012, 2014... Pepe Blanco comprometeuse no 2015 e logo retrasouno ao 2017, e seguimos sen el». Para combater esa tardanza, Pontón pediu que o 10-N «se enchan as urnas de votos nacionalistas». «Levamos 30 anos para facer 100 quilómetros de autovía, e non é de recibo a estafa eléctrica ó noso país. No norte da comunidade hai 2.000 postos de traballo en risco polo custo da enerxía, e iso é responsabilidade de PP e PSOE», argumentou. Pontón cargou tamén contra Feijoo, ao que ve cómplice de non facer nada para rebaixar a tarifa eléctrica que afoga a Alcoa.