Xuntos na Terra Chá polas defensa dos nosos valores

Comisión contra as Minas da Terra Chá

LUGO

Óscar Cela

Alcaldes de catro concellos e unha plataforma de veciños e gandeiros opóñense aos posibles danos que pode causar a explotación mineira de Erimsa nas explotacións agrarias da comarca

18 oct 2019 . Actualizado a las 20:12 h.

A Comisión contra as Minas da Terra Chá e os alcaldes de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito, en representación dos concellos da Terra Chá afectados polas concesións mineiras á empresa Erimsa, reunímomos hoxe para expresar a preocupación polos posibles impactos e consecuencias negativas que implicaría para o noso medio a actividade extractiva formulada nos distintos proxectos de explotación que Erimsa pretende levar a cabo na Terra Chá.

Porén, queremos deixar patente que non nos move ningunha prexuízo nin animosidade contra esta empresa, pois se en algo nos caracterizamos as chairegas e chairegos é en ser xente pacífica e solidaria. Pero tamén somos xentes que defendemos o noso patrimonio, cun arraigado espírito emprendedor, caracterizado no noso ánimo de acollida a toda iniciativa emprendedora que supoña progreso para a nosa comarca sempre e cando sexa respectuosa cos valores da nosa contorna e co noso medio de vida.

O noso medio de vida tradicional e, en concreto, no que atinxe ao último medio século, caracterízase por un importante desenvolvemento agrogandeiro asentado nunhas modernas instalacións e infraestruturas nas que se teñen investido importantes cantidades de diñeiro público e privado, acadando uns altos índices de produtividade, tanto leiteira como cárnica, feito que incide no gran aproveitamento da base territorial útil. Isto trouxo consigo o asentamento de importantes industrias lácteas, fábricas de pensos e iniciativas empresariais múltiples, tanto comerciais como de actividades profesionais vinculadas a este sector, o que o converte no principal factor de creación de emprego estable e fai da Terra Chá unha das comarcas de maior puxanza agroindustrial de Galiza. Sentímonos orgullosos e orgullosas deste feito e, por iso mesmo, somos conscientes de que debemos seguir protexendo e apostando polo desenvolvemento sostible.

Óscar Cela

Malia a estes indicadores positivos, existen algunhas debilidades nos nosos sectores agrogandeiros. Unha delas é a falla de base territorial para pasteiros e a produción de forraxes, necesarios para un maior benestar da cabana gandeira e unha maior rendibilidade das nosas granxas. Por iso, dende as administracións ( Provincial Autonómica e Estatal), incluídas as locais, debemos impulsar políticas que estimulen un maior acceso a base territorial das explotacións e, ao mesmo tempo, impedir a degradación dos nosos solos con proxectos e actividades que vaian en detrimento deste obxectivo.

Por todo o devandito, a nosa postura contraria á actividade extractiva de Erimsa non é un capricho e, moito menos, se basea no desexo de ir contra esta ou aqueloutra empresa. A nosa oposición a é un exercicio de responsabilidade, xa que os seus proxectos de explotación, que agora pretende levar a cabo, entendemos afectan bens importantes e causarían importantes impactos

A reposición do solo orixinal, de producirse a explotación mineira, é de difícil viabilidade porque o volume que se devolve ao oco mineiro é inferior ao que existise orixinalmente, cunha diminución do nivel do chan orixinal; o material que se devolve ao oco mineiro, por outra parte, debe ser moito menos permeable co solo orixinal porque se lle destruíu a súa estrutura e porque perdeu boa parte dos seus constituíntes máis grosos; en consecuencia, o novo solo reposto, cun nivel máis baixo có entorno e moito menos permeable có orixinal, debe ser moito máis susceptible ás inundacións.

Pode haber unha grave afección á capacidade agronómica nos terreos adicados a prados por mor da actividade extractiva.Entendemos que debe ser un obxectivo social a conservación dos solos de especial excelencia agronómica, como sucede na Terra Chá. Especialmente si estes solos corren o risco de ser deteriorados sen posibilidade real de repoñelos ao seu uso natural por mor de actividades con forte impacto.

Amosamos igualmente a nosa fonda preocupación polos impactos e afeccións que a actividade extractiva puidera causar no dominio público hidráulico, particularmente no que respecta á calidade das augas

Por este sentido, concluímos que tendo en conta o exposto, entendemos que é o noso deber para que unha comarca como a nosa arrisque con converterse nunha zona deprimida por mor dun uso non racional e útil socialmente dos nosos recursos naturais, favorecendo o despoboamento rural e o empeoramento da calidade de vida das xentes que viven e traballan nesta comarca.

En definitiva a defensa do interese xeral e o das nosas veciñas e veciños